saltar ao contido

Santalices recorda que “o estado de dereito é unha das grandes conquistas da sociedade contemporánea”

Presentación do libro “Ilustres Xuristas Galegos en Madrid”, 13/10/2022

• O presidente do Parlamento de Galicia participou na presentación do libro “Ilustres Xuristas Galegos en Madrid”, obra do presidente de IURISGAMA e catedrático de dereito mercantil Carlos Lema Devesa

• A de Ucraína é “unha guerra da autocracia contra a democracia na que están en xogo os valores do occidente libre”
 
Santiago, 13 de outubro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou esta tarde o acto de presentación do libro “Ilustres Xuristas Galegos en Madrid”, obra do presidente de IURISGAMA (Asociación de Xuristas galegos en Madrid) e catedrático de dereito mercantil, Carlos Lema Devesa.
 
Santalices aproveitou que a presentación tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid para felicitar ao director da mesma, Juan Serrano, polo seu recente nomeamento e desexarlle unha xestión exitosa. “Os que sabemos da súa capacidade de traballo estamos seguros de que converterá a esta casa nun potente faro de galeguidade na capital de España”, afirmou Santalices.
 
O presidente do Parlamento de Galicia gabou a traxectoria do autor do libro presentado es tarde, tanto desde a Presidencia de IURISGAMA, como desde o exercicio da avogacía e o maxisterio na cátedra universitaria.
 
Explicou Santalices que para o Parlamento de Galicia “é unha honra, case una obriga”, patrocinar a edición deste volume, na medida en que  constitúe un recoñecemento a boa parte dos mellores xuristas galegos contemporáneos  nas diferentes ramas do dereito.
 
Pero este libro constitúe, ao mesmo tempo, “unha merecida homenaxe, a través de algúns dos seus máis xenuínos representantes, ao mundo do dereito no seu conxunto, que ordena e facilita a convivencia”.
 
O estado de dereito, unha das grandes conquistas contemporáneas
 
Para o titular do Lexislativo galego, “o dereito constitúe o eixe vertebrador de calquera sociedade avanzada como a nosa”. Abundando nesta idea, Santalices subliñou o que “o estado de dereito é unha das grandes conquistas da sociedade contemporánea”. Apuntou que o conflito de Ucraína “é unha guerra da autocracia contra a democracia na que, máis aló dos territorios ocupados, están en xogo os valores do occidente libre e democrático do que formamos parte”.
 
O acto contou coa participación, entre outras personalidades, do expresidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, con raíces familiares en Galicia.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina