saltar ao contido

O Parlamento de Galicia rende homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo

07/06/2023

 

 

  • O acto, titulado “Concordia, paz, liberdade", dá cumprimento a un acordo unánime dos tres grupos que integran a Cámara galega

 

  • O presidente do Parlamento de Galicia reitera a condena ao franquismo e sinala: “cómpre non esquecer a barbarie —duns e doutros— para non repetirmos xamais os erros do pasado. Para coidar a democracia, para preservar a convivencia pacífica, para aprender a respectar ao adversario"

     
  • “Louvado sexa o espírito de reconciliación; outrora, agora e sempre", afirma Santalices

     

 

 

Santiago, 7 de xuño de 2023.- O Parlamento de Galicia celebrou este mediodía unha homenaxe ás vítimas galegas do franquismo e á figura de Alexandre Bóveda, como recoñecemento á súa participación no impulso e elaboración do Estatuto de 1936, dando así cumprimento a un acordo unánime dos tres grupos parlamentarios da Cámara galega adoptado nunha sesión da Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, celebrada o 3 de novembro de 2021.

 

O acto contou coa intervención de Aurora Marco López, en representación das asociacións da memoria histórica e das vítimas; e de Amalia Bóveda Álvarez, filla de Alexandre Bóveda. Ao comezo, proxectouse un documento audiovisual que reproduce un extracto do libro Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, obra de Xerardo Álvarez Gallego publicado en Buenos Aires no ano 1972 por Edicións Nós".

 

Condena da ditadura

 

O titular do lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, reiterou a “firme condena do Parlamento de Galicia fronte á ditadura que durante 40 anos mantivo sometido o noso pobo; condena enérxica que non é nova, na medida en que se suma aos diferentes pronunciamentos desta índole que a Cámara leva efectuando desde hai tempo".

 

A convocatoria desta mañá permite, a xuízo de Santalices, “reafirmar o compromiso do pobo galego coa democracia, coa defensa da liberdade e o respecto aos dereitos humanos".

 

Referíndose ao título do acto, “Concordia, paz, liberdade", Santalices sinalou que responde ás “arelas interiorizadas no corazón de todas as persoas de boa vontade, e tamén no corazón da primeira institución de Galicia, coa esperanza de construír un mundo libre de  calquera tipo de violencia —bélica, política, terrorista como a de ETA que tanto desgarro causou ata datas ben recentes, de xénero ou de calquera outra índole—, un mundo igualitario, sen discriminación por razón de ideoloxía, xénero, etnia, relixión ou identidade sexual; un mundo no que impere a xustiza e se respecten as leis; un mundo no que todas e todos sexamos quen de botar unha man a quen o precise. Un mundo mellor, en suma".

 

O presidente do Parlamento  reivindicou a democracia e os dereitos humanos “esmagados polo alzamento militar do 18 de xullo de 1936, que derivou nunha guerra fraticida que provocou morte, miseria e sufrimento, con excesos inadmisibles, de todo tipo, nun e noutro bando, que hoxe novamente condenamos".

 

Foi, en palabras de Santalices, un “alzamento contra a lexitimidade democrática que no caso galego triunfou axiña, pero derivou nunha represión sen cuartel que durou anos. Execucións extraxudiciais, paseos, torturas, deportacións, presidio, incautacións, miseria. Iso e máis".

 

Por iso, “ás vítimas da barbarie, de todas as barbaries, rendemos homenaxe póstuma neste acto".

 

Non esquecer a barbarie

 

Para Santalices Vieira, “cómpre non esquecer a barbarie —duns e doutros— para non repetirmos xamais os erros do pasado. Para coidar a democracia, para preservar a convivencia pacífica, para aprender a respectar ao adversario. Sempre".

 

Na súa intervención, o presidente da Cámara galega apuntou que “canda aos milleiros de vítimas asasinadas, torturadas e perseguidas; canda as nenas e nenos privados da súa infancia; queremos honrar a memoria das persoas forzadas a exiliarse, case sempre alén mar; e tamén a dos condenados ao exilio interior, que, malia as adversidades, conservaron intacta a súa dignidade persoal e a fidelidade aos seus principios".

 

“Honra e gloria para Alexandre Bóveda e para tantos e tantos outros mártires da liberdade e da democracia. Honra e gloria para todas as vítimas da barbarie dun ou doutro signo, porque a barbarie será sempre barbarie, proceda de onde proceda", afirmou Santalices.

 

Eu perdoo e todos debedes perdoar"

 

O titular do Lexislativo galego recordou que nunha carta de despedida datada na madrugada do seu fusilamento e dirixida ao seu irmá Vitín, Alexandre Bóveda Bóveda escribe: “o trabucado xuízo dos homes, que eu perdoo e todos debedes perdoar, condéname".

 

“Velaí a grandeza de quen se despediu perdoando e animando a perdoar -agregou Santalices-. Louvado sexa o espírito de reconciliación; outrora, agora e sempre".

 

A homenaxe rematou no xardín do Parlamento, onde foi descuberta unha escultura de Cándido Pazos titulada Concordia, paz, liberdade.

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina