saltar ao contido

O Parlamento de Galicia expón en Pontevedra unha selección da súa colección de arte

29/02/2024

  • A mostra “A Nosa Arte" poderá visitarse no Café Moderno Afundación  ata o 25 de maio

 

  • Santalices recorda que Pontevedra conta cunha das mellores Facultades de Belas Artes de España, “coa excelencia como obxectivo permanente"

     
  • O presidente do Parlamento sitúa a arte como un dos sinais de identidade que dotan a Galicia de personalidade propia, “sempre compatible coa nosa condición de españois e europeos de pleno dereito"

     

 

Santiago, 29 de febreiro de 2024.- O Parlamento de Galicia inaugurou esta tarde, no café Moderno Afundación de Pontevedra, a exposición A Nosa Arte, conformada por unha escolma de 33 obras da colección artística da Cámara autonómica.

 

No acto inaugural, o titular do Lexislativo galego recordou que a colección de arte do Parlamento está integrada por máis de 300 pezas a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que “pertencen á totalidade das galegas e galegos". Citou, como exemplo, o cadro Viento y Cuerda, exposto en Pontevedra e doado recentemente ao Parlamento polo pintor Rafael Úbeda, que asistiu ao acto inaugural, e para quen Santalices tivo palabras de agradecemento.

 

Para Santalices, esta mostra constitúe unha visita obrigada, por moitas razóns, como o “talento innato desta cidade e polo feito de que nela teña a súa sede a única Facultade de Belas Artes de Galicia e do Noroeste de España. Unha Facultade que malia a súa relativa xuventude foi quen de consolidarse entre as mellores, coa excelencia como obxectivo permanente".

 

Apuntou que  a Galicia contemporánea, que “medrou e se consolidou coa democracia e coa Autonomía, medra cada día desde unha óptica integradora, de man tendida a todas as sensibilidades, fuxindo de calquera tentación excluínte".

 

Sinais de identidade

 

A xuízo do presidente do Parlamento, a Galicia actual “mima os seus propios sinais de identidade -a lingua, a cultura, a historia, e tamén as súas creacións artísticas-“. Esta realidade “convértenos nunha Comunidade con personalidade propia, pero sempre compatible coa nosa condición de españois e europeos de pleno dereito, sen perder de vista os lazos fraternais que nos unen coas terras de alén mar".

 

Abrir as institucións

 

Santalices explicou que así como as deputadas e deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, “tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente". Amosouse convencido de que “as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado. Peor nos irá canto máis tardemos en decatarnos e actuar en consecuencia".

 

Nesta filosofía enmarcou a organización desta exposición itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara. Xa se amosou en Vigo, Ferrol, Ourense e Lugo. Despois de Pontevedra visitará A Coruña seguindo unha rotación trimestral.   

 

A itinerancia da exposición “responde e fai visible o compromiso da primeira institución de Galicia co conxunto do territorio ao que serve, sexa no litoral ou no interior, na mariña ou na montaña, no urbano ou no rural, unha realidade poliédrica que temos a obriga de ter presente, respectando sempre a súa diversidade", afirmou Santalices Vieira.

 

Agradecemento

 

O presidente do Parlamento tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia, que colabora na organización desta mostra;  e para Afundación, que cede as súas sedes nas cidades galegas, como fixera anteriormente con outras actividades impulsadas pola Cámara.

 

Agradeceu o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que colaborou na catalogación e musealización da colección e o seguirá a facer emitindo informe previo e vinculante  en relación coa adquisición de calquera nova obra de arte por parte  do Parlamento. O comisariado da mostra corre a cargo da Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos: María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez.

 

A xuízo de Santalices, “a Galicia contemporánea, e a nosa autonomía" son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Na súa opinión, “un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que inzaron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto precisabamos".

 

O acto contou tamén coas intervencións de  Xosé Carlos Valle Pérez,  en representación dos comisarios; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación; e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González.

 

A exposición inaugurada esta tarde en Pontevedra poderá visitarse ata o 25 de maio no Café Moderno Afundación (Praza de San Xosé, 3) entre as 17,30 a 20,30 h de luns a sábado. Os sábados o horario amplíase ao tramo comprendido entre as 11,00 e as 14,00 h.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.




Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina