saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia no décimo cabodano do xornalista José Couso

 
O Parlamento de Galicia lembra, no décimo cabodano do asasinato do xornalista ferrolán José Couso Permuy, a súa memoria, o seu traballo e a reivindicación cidadá para aclarar  e xulgar os responsables do seu asasinato.
 
O cámara e reporteiro gráfico José Couso morreu en 2003 durante a invasión de Iraq a causa dos disparos dun carro de combate estadounidense contra o Hotel Palestina, da capital iraquí, no que se atopaba traballando coa prensa internacional. Nese ataque morreron tamén o camerógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub.
 
Dende entón diversas actuacións xudiciais tentaron pór en mans da xustiza española os responsables da morte do ferrolán José Couso. Primeiro a Audiencia Nacional e logo o Tribunal Supremo actuaron. Abriuse un proceso e emitiuse unha orde de busca e captura sobre os militares estadounidenses que manexaban o tanque que disparou contra o Hotel Palestina. Pero estas actuacións recibiron a negativa das autoridades estadounidenses.
 
Cando se cumpren dez anos da morte de José Couso, o Parlamento galego reclama que se clarifiquen as causas da súa morte e que se xulguen os responsables dela.
 
O Parlamento galego acorda dirixirse ao Goberno do Estado para solicitar que, dentro do respecto á independencia do poder xudicial, se leven a cabo todas as actuacións pertinentes para pór á disposición da xustiza os responsables
da morte de José Couso Permuy.
 
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2013
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina