saltar ao contido

O Parlamento de Galicia participa nunha reunión de coordinación co Consello de Europa para potenciar iniciativas de impulso da democracia local

 

Santiago, 16 de febreiro de 2015.- O vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, participou hoxe nunha reunión convocada polo Congreso de Autoridades Rexionais e Locais do Consello de Europa para facer balance e programar  actividades de impulso da democracia local desde diferentes institucións.
 
Miguel Santalices recordou que o Parlamento de Galicia participou na Semana Europea da Democracia Local, acollendo, en novembro de 2014, coa colaboración de UNICEF, unha sesión plenaria na que participaron estudantes galegos de secundaria.
 
Explicou tamén que o Parlamento de Galicia organiza, ao longo do ano, outras actividades encamiñadas a achegar os nenos e mozos á institución parlamentaria, e puxo como exemplos o programa de visitas guiadas (no que en 2014 participaron arredor de 10.000 persoas), o concurso escolar, o ciclo de charlas de exdeputados en centros de ensino secundario, os diferentes plenos con nenos e mozos, e o material  bibliográfico dirixido aos máis novos.
 
Santalices Vieira expresou tamén a plena dispoñibilidade da Cámara galega para colaborar en calquera iniciativa europea que poda contribuír a divulgar os valores democráticos e o parlamentarismo, particularmente entre a infancia e a mocidade.
 
Na xuntanza, celebrada na oficina do Consello de Europa en París, participaron responsables do Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa, e delegados procedentes de diferentes países. O Parlamento de Galicia foi convocado a esta xuntanza logo de ter presidido a CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas) en 2014, mentres que en 2015 Pilar Rojo exerce a Vicepresidencia desta organización.
Logo dos atentados rexistrados en Francia no pasado mes de xaneiro, na reunión de hoxe propúxose que a Semana da Democracia Local Europea de 2015 se centre na defensa do multiculturalismo baixo a premisa do respecto, e terá como lema “Respecto, diálogo e interacción”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina