saltar ao contido

Pilar Rojo: “Todos temos unha obriga moral inexcusable para implicarnos” na loita contra a pobreza e a exclusión social


O Parlamento de Galicia súmase á celebración do Día Internacional de Loita contra a Pobreza, que ten lugar o 17 de outubro, cunha exposición que permanecerá aberta ata finais da semana próxima
 
 
 
• Na prevención e loita contra a exclusión social, “tan importantes como os recursos públicos, son os xestos e a toma de conciencia de cada un de nós”, en opinión da presidenta do Parlamento de Galicia
 
Santiago, 15 de outubro de 2010.- Na loita contra a exclusión social “todos temos unha obriga moral inescusable para implicarnos”, en opinión da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, que esta mañá presidiu, na sede do lexislativo autonómico, o acto inaugural da exposición fotográfica Prioridade I. Pobreza e exclusión social, organizada pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN - Galicia).
 
Con esta mostra, que permanecerá aberta ata finais da semana que vén, a Cámara galega súmase á celebración do Día Internacional de Loita contra a Pobreza, que se celebra o 17 de outubro.
 
O acto contou coa asistencia de diferentes deputados do Parlamento de Galicia e de representantes de preto dunha vintena de entidades integradas na Rede Galega de Loita contra a Pobreza.
 
Se ben advertiu que non se debe xeneralizar, Rojo Noguera amosouse convencida de que  “en máis ocasións das debidas, a nosa sociedade prefire ignorar as diferentes vertentes da pobreza –como ben escenifican algunhas das imaxes que podemos contemplar nestas fotografías-, en lugar de implicarnos persoalmente e poñer, cada un desde as súas posibilidades, o seu grao de area particular”.
 
Nesta liña, a presidenta do Parlamento de Galicia engadiu que “haberá quen opine que a loita contra a exclusión social é unha competencia das institucións públicas” pero, na súa opinión, “tan importantes como os recursos públicos, o son os xestos e a toma de conciencia de cada un de nós”.
 
“Integración é implicarse”
 
Nesta liña, Rojo Noguera apuntou que “integración é implicarse nos diferentes movementos sociais que traballan neste ámbito, desde o da concienciación ao da axuda e asistencia social; integración é ser conscientes de que ao noso carón hai persoas e familias que non nadan na abundancia e se ven obrigadas a recorrer á axuda de organizacións coas que podemos colaborar con ben pouco; integración é educar aos nosos fillos no respecto á diversidade; a integración, en suma, é a consecuencia lóxica e directa dunha concepción integral da persoa, que comeza por cada un de nós e continúa polo noso contorno máis inmediato”.
 
Referíndose ás imaxes expostas desde hoxe na sede parlamentaria, a titular da Cámara confesou que, desde a súa óptica, “hai dúas realidades da pobreza e a exclusión  que me resultan especialmente conmovedoras: a dos anciáns sen recursos e con escasas ou nulas posibilidades de remontar estas situacións. E os nenos, vítimas silenciosas da exclusión, condenados a medrar alleas ao que debería ser unha etapa feliz da súa existencia”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina