saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia

 
O pasado 3 de marzo de 2016  era asasinada en Honduras Berta Cáceres, líder indíxena representante durante máis de vinte anos no Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras.
 
Berta era unha firme defensora e activista polos DDHH, símbolo da loita indíxena e campesiña e destacada loitadora polos dereitos ambientais, especialmente fronte aos proxectos megamineiros e hidroeléctricos.
 
A Comisión Interamericana de Dereitos Humanos tiña reclamado medidas de protección especial para a ambientalista polo risco de ser agredida ou asasinada, como finalmente ocorreu, sen que esas medidas fosen adoptadas, tal e como recentemente denunciou a Organización das Nacións Unidas.
 
A morte de Berta enmárcase nunha tónica xeral de violencia no país hondureño, onde activistas e xornalistas son asasinados e asasinadas con total impunidade.
 
O Parlamento de Galicia, en prol da defensa dos DDHH, da liberdade e da xustiza social, condena o vil asasinato da activista Berta Cáceres e reclama ao Goberno de Honduras unha investigación sobre estes feitos que respecte o marco da legalidade internacional e os estándares definidos para a a investigación deste tipo de crimes.
 
Así mesmo, manifesta as súas condolencias á súa familia, compañeiros e compañeiras e reclama para eles e elas protección en amparo dos dereitos e liberdades contidos na carta dos DDHH.

 
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina