saltar ao contido

Santalices afirma que “custa entender” o rexeitamento ás vacinas, unha “irresponsabilidade” individual que afecta á comunidade

 
 
• O presidente do Parlamento participou en Tui na presentación do libro “Reflexiones en papel”, obra do médico Rosendo Bugarín
 
• “Malia que ás veces non sexamos conscientes, temos o privilexio de contar cos mellores profesionais e a mellor sanidade”, afirma Santalices

Santiago, 24 de setembro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde en Tui no acto de presentación do libro “Reflexiones en papel”, obra do Dr. Rosendo Bugarín no que, fundamentalmente, reflexiona sobre cuestións de actualidade relacionadas co mundo da medicina.
 
Santalices, que tamén é o autor do prólogo do libro, reivindicou o exercicio da medicina desde unha dobre vertente, “a da evidencia científica e a da visión humanista, porque detrás deste ou daquel síntoma hai sempre unha persoa que reclama e merece unha visión integral, unha palabra de alento e unha escoita atenta”.
 
Vixencia da cultura escrita
 
Ao presentar un libro “repleto de vivencias e reflexións dun home sabio”, o titular do Parlamento de Galicia defendeu a vivencia da cultura escrita. Ao seu xuízo, ningún outro produto pode facer sombra, “en rigor, profundidade e capacidade de análise a un bo libro ou a un xornal”.
 
Sobre o autor do libro, o Dr. Rosendo Bugarín, Santalices enfatizou a súa dilatada carreira, que combina experiencia asistencial, de xestión sanitaria e tamén a condición de experto en bioética.
 
Na súa intervención, Santalices aludiu á pandemia de covid-19, en relación coa que destacou o esforzo asistencial realizado en todos os niveis do sistema sanitario, e  tamén o esforzo e a coordinación científica, que se traduciu na elaboración de diferentes vacinas nun tempo récord.
 
A humanidade, en débeda coas vacinas
 
“Os avances da comunidade científica contrastan –en opinión de Santalices- coas reticencias coas que desde determinados ámbitos foron recibidas estas vacinas, malia que o conxunto da humanidade estea en débeda con elas”.
 
Para o presidente do Parlamento “custa entender que a estas alturas do século XXI, e vistos os estragos que a covid-19 ten causado, haxa persoas que se resistan  a ser inoculadas, unha irresponsabilidade non só para con eles mesmos senón, e sobre todo, para coas persoas da súa contorna”.
 
Santalices recomendou a lectura de “Reflexiones en papel”, moi especialmente a aquelas persoas que dun ou doutro xeito ollan con temor aos médicos e a medicina. “Malia que ás veces non sexamos conscientes diso, temos oprivilexio de contar cos mellores profesionais e a mellor sanidade do mundo”, aseverou .
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina