saltar ao contido

Santalices subliña que o Parlamento debe “escoitar” e estar alí onde sexa requirido, “ao carón da xente”

Xantar-coloquio 06/06/2016

- Participou, como convidado, nun xantar-coloquio, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, onde explicou o paquete lexislativo de rexeneración e impulso democrático aprobado polo Parlamento no último ano

- O Parlamento de Galicia é o único que permite a participación popular no impulso da acción de Goberno e un dos que menos sinaturas esixe para as proposicións de lei de iniciativa popular

Santiago, 6 de xuño de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, apuntou hoxe que unha das súa obrigas é a de “explicar o que facemos, pero tamén a escoitar e tomar nota sobre o que o Parlamento pode facer polas persoas; porque o Parlamento é unha institución útil, sempre á escoita e ao servizo dos cidadáns”.

Santalices Vieira participou este mediodía, en Vigo, nun xantar-coloquio convocado polo Círculo de Enmpresarios de Galicia. Explicou que acode a este encontro “encantado”, porque o Parlamento de Galicia está obrigado a abrirse á sociedade: que as persoas visiten e coñezan a sede do Lexislativo, pero tamén que os representantes da institución estean ao pé da rúa ”onde sexamos requiridos, ao carón dos problemas, e ao carón da xente á que nos debemos”.

Destacou que o Parlamento de Galicia é a Cámara autonómica que máis traballa de España, ao tempo que se sitúa entre as máis eficientes en termos económicos.

Rexeneración e impulso democrático

No encontro, o presidente do Parlamento explicou o amplo paquete lexislativo de rexeneración e impulso democrático aprobado pola Cámara autonómica no último ano.

Este conxunto de normas incluíu a Reforma do Regulamento da Cámara e as leis de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá; a reforma da Lei do Consello de Contas e prevención da corrupción, a de financiamento das formacións políticas e entidades vinculadas, a de modificación das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a de transparencia e bo goberno, e a de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público.

A xuízo de Santalices Veira, con este conxunto de leis, Galicia dotouse dunha estructura normativa novidosa e pioneira en moitos aspectos, que permite un Parlamento máis áxil, transparente e participativo, e que, ademais, incrementou a capacidade de control e impulso da oposición.

Referíndose a medidas derivadas deste paquete lexislativo, Santalices citou o incremento da independencia do Consello de Contas, reforzado con competencias para a a prevención da corrupción; o reforzamento das funcións do Valedor do Pobo en materia de transparencia; o incremento do control sobre o financiamento das formacións políticas; a aprobación de “unha das normas máis avanzadas” en materia de transparencia e bo goberno; ou a que impide que a Administración asuma a defensa xurídica das persoas que actuaran contra o interese xeral.

Participación cidadá

O presidente do Parlamento animou aos integrantes do Círculo de Empresarios e ao conxunto da sociedade a utilizar as diferentes fórmulas de participación na vida parlamentaria contempladas na Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá aprobada pola Cámara lexislativa.
 
“Queremos que a xente participe masivamente porque todas as ideas e propostas son benvidas”, afirmou Santalices, referíndose á posibilidade de que os cidadáns participen no control ao Goberno, formulando propostas de preguntas que poden ser asumidas polos grupos parlamentarios, pero tamén facendo uso doutras fórmulas como a posibilidade de enviar comentarios ou suxestións ás leis en trámite, o dereito de petición perante o Parlamento, as proposicións de lei de inciativa lexislativa popular (reduciuse de 15.000 a 10.000 o número de sinaturas necesarias, convertendo a Galicia nunha das Comunidades menos esixentes).

O Parlamento de Galicia tamén é o único que contempla a participación popular no impulso da acción de Goberno a través das proposicións non de lei, que deben presentarse respaldadas por 2.500 sinaturas e logo ser asumidas por un grupo parlamentario.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina