saltar ao contido

Santalices anima aos expertos designados polo Parlamento a “atinar no deseño de propostas tecnicamente eficaces e economicamente viables” en materia de incendios forestais

Comisión especial 05/12/2018

•        O Parlamento de Galicia acolleu o acto de constitución do grupo de expertos derivado do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal
 
 
Santiago, 5 de decembro de 2018.-
O Parlamento de Galicia acolleu, esta mañá, o acto de constitución formal do grupo de expertos derivado do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal. As seis persoas designados por proposta dos grupos parlamentarios, deberán presentar, antes de período de alto perigo de incendios de 2019, un informe detallado en relación cos retos actuais e futuros do Servizo Galego de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.
 
Na súa intervención, o presidente do Parlamento apuntou que, en contra do que ás veces se afirma, “os resultados  das comisións de estudo, alomenos neste Parlamento en datas recentes, resultan altamente positivos”, tanto pola proxección pública que outorgan ás comparecencias de expertos que ofrecen enfoques “innovadores e construtivos”, como polo caudal de información que poñen a disposición de deputadas e deputados “para un mellor desempeño da función lexislativa.
 
Referíndose ao grupo de expertos que hoxe se constitúe, Santalices Vieira recordou que existe unha coincidencia xeral en que Galicia conta cun bo Servizo da Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia, “unha excelencia que estamos obrigados a manter, obxectivo só viable cunha permanente posta ao día que, necesariamente, deberá ter en conta retos e escenarios novos, como sucedeu coas situacións meteorolóxicas extremas do outono de 2017”.
 
O presidente do Parlamento fixo un chamamento para  “reforzar, aínda máis se fose posible”, a coordinación e a colaboración entre todas as partes implicadas. Na súa opinión, “resulta inconcibible, por exemplo, que un alcalde poda negar o seu teléfono aos responsables da coordinación das emerxencias”.
 
Subliñou Santalices que “Galicia é dona dun patrimonio natural de valor incalculable, cun enorme potencial económico”, feito que pon de manifesto  a “enorme transcendencia” do encargo que asume o grupo de expertos formalizado esta mañá.
 

Traballo en equipo
 
“Sei ben que atinar no deseño de propostas tecnicamente eficaces e economicamente viables non é un cometido doado –dixo Santalices-, pero sei tamén que ante retos desta dimensión é cando a creatividade, o coñecemento científico e a capacidade de traballo en equipo ofrecen os seus mellores restados”.
 
No transcurso do acto, o presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez.
 
Informe dos expertos
 

O Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal sinala, en relación co Servizo Galego de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, que a posición común nas comparecencias da Comisión é que Galicia conta cun magnífico servizo de extinción de incendios, que debe manter a súa configuración actual de servizo público. Non obstante, e dado que en diferentes comparecencias se debateron distintas cuestións relativas ao SPDCIF e co fin de incrementar a súa eficacia, xa de por si moi alta, a Comisión de Estudo recomenda que se cree un grupo de expertos que, antes do período de perigo alto de incendios do ano 2019, presente un informe detallado .
 
Expertos designados polo Parlamento de Galicia:
 
•       Acebal Lucía, Guillermo - Xefe do servizo provincial de prevención e defensa contra os incendios  A Coruña.
•       Barca Añón, José Luis - Xerente do Consorcio Provincial Contra Incendios e  Salvamento da provincia da Coruña.
•       Rodríguez y Silva, Francisco - Profesor titular de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Córdoba.
•        Bruña Garcia, Xavier.
•        Reza Rodríguez, Xosé Benito.
•        Blanco Casal, Alberte.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina