saltar ao contido

Santalices anima as empresas a apostar pola integración laboral das persoas con discapacidade porque “todas as achegas resultan necesarias”

CEGASAL 02/07/2021

• O presidente do Parlamento participou en Santiago  no acto de entrega de premios CEGASAL 2021
 

Santiago, 2 de xullo de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía en Santiago no acto de entrega de premios anuais da Asociación Empresarial Galega de Centros Empresariais de Emprego sen Ánimo de Lucro (CEGASAL).
 
Santalices recordou que á crise sanitaria provocada pola covid-19 lle seguiu outra de índole social e económica “de enorme magnitude, que só a rápida intervención dos poderes públicos conseguiu amortiguar, aínda que este efecto mitigador só se produciu nas sociedades do primeiro mundo”.
 
Na súa intervención, o titular do Lexislativo galego fixo un chamamento á prudencia, convencido de que “todas as precaucións son poucas fronte ao exceso de optimismo da desescalada”.
 
O presidente do Parlamento felicitou aos galardoados cos premios CEGASAL 2021, polas súas “traxectorias e actitudes exemplares”, e tamén á entidade convocante, por outorgar “prioridade absoluta ás persoas, poñendo de manifesto que non todo é materialismo ou priorización de beneficios económicos a toda costa”.
 
Inserción laboral das persoas con discapacidade
Insistiu Santalices en que “todas as achegas resultan necesarias para facer posible a inserción laboral das persoas con discapacidade”.
 
Abundando neste aspecto, insistiu en que estas iniciativas “poden e deben xurdir da Administración Pública, que ten unha especial obriga de exemplaridade e liderado neste ámbito; pero tamén da empresa privada, que encerra aínda un enorme potencial de crecemento que agarda ser explotado e potenciado”.
 
Santalices Vieira expresou a vontade do Parlamento de abrir as licitacións da Administración parlamentaria ás empresas de economía social, “un obxectivo testemuñal, pero con vocación exemplarizante, como o foi no seu momento a aposta pola integración das persoas con discapacidade e como o será no futuro inmediato a supresión das barreiras arquitectónicas”
 
Agradeceu tamén o labor dos medios de comunicación por contribuír a divulgar o traballo de entidades como as englobadas en CEGASAL.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina