saltar ao contido

Santalices anima a blindar o Parlamento de Galicia fronte á “convulsión” na procura dunha “política útil” para a xente

  • O presidente do Parlamento de Galicia pronuncia a declaración institucional de apertura da XII Lexislatura da Cámara galega

 

  • “Unha democracia forte require un Parlamento forte, consolidado como principal escenario do debate político"

     
  • Anima a deputadas e deputados a “elaborar boas leis,  no canto de moitas leis" e “facilitar a vida das persoas e das empresas en lugar de complicárllela con normas que ninguén reclama"

     
  • Alenta a seguir utilizando o galego como lingua habitual na Cámara

     
  • Reivindica o traballo dos xornalistas e o papel dos medios de comunicación fronte aos riscos das campañas de desinformación e as noticias falsas

 

 

Santiago, 16 de abril de 2024.  

O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a solemne sesión de apertura da XII Lexislatura na que o  seu presidente, Miguel Á​ngel Santalices Vieira, animou a deputadas e deputados a “blindar a traxectoria desta Cámara, allea desde hai tempo á convulsión que se rexistra en institucións análogas".

 

“Fronte á crispación da política nacional, pero non só da nacional", para Galicia, Santalices recetou  “respecto e sentidiño", “como o que caracterizou o clima político deste hemiciclo na pasada Lexislatura, e como o que agardo defina o proceder duns e doutros no novo mandato parlamentario que comeza".

 

Para Santalices, “unha democracia forte require un Parlamento forte, consolidado como o principal escenario político". Recordou que a Galicia  do último medio século foi mudando paseniñamente, e sempre para mellor, con “avances que son froito, en boa parte, da autonomía que fomos quen de edificar, ao tempo que a España constitucional, casa común, consolidaba a súa democracia e se afianzaba a integración real na Europa comunitaria da que formamos parte por dereito, por historia e por vocación".

 

Abundando nesta idea, o presidente do Parlamento recordou que Galicia “foxe do enfrontamento estéril e reclama solucións –se for posible dialogadas- para os retos que asoman ás nosas portas". “Unha Galicia -agregou- á que todos nos debemos, mesmo por riba da militancia que nos conduciu a estes escanos".

 

No exercicio da función lexislativa que o Parlamento ten encomendada, o presidente da Cámara animou aos seus integrantes a primar a vertente cualitativa sobre a cuantitativa,  a “elaborar boas leis no canto de producir moitas leis".

 

Hiperinflación lexislativa

 

Apuntou que “asistimos a unha hiperinflación lexislativa non sempre xustificada", con máis 400.000 normas promulgadas polo conxunto dos parlamentos e administracións públicas no período democrático, “unha suma abafante, nalgunhas ocasións, para persoas e colectivos".

 

Puxo como exemplo “as xustas reivindicacións dos nosos labregos e gandeiros aos que a excesiva normativa emanada de diferentes ámbitos competenciais condiciona ata extremos dificilmente comprensibles, ao tempo que lles  resta horas de traballo nas cortes ou no agro".

 

Falou das demandas do agro, pero tamén do mar, dos autónomos ou das empresas, “que temos a obriga de escoitar".

 

Animou Santalices a “interiorizarmos como imperativo o deber de facilitar, co noso traballo, a vida das persoas e das empresas en lugar de complicárllela con normas de cuestionable utilidade que ninguén reclama". Trátase -admitiu- dunha “tarefa complexa, porque dar co equilibrio nunca resultou doado".

 

Primar o contacto coa xente

 

Referíndose ao traballo de deputadas e deputados, o presidente da Cámara insistiu en que “a reflexión sosegada e o contacto coa xente foron e seguen a ser unha fórmula adecuada". Admitiu que as redes sociais chegaron para quedar, pero apuntou que “ningunha pantalla pode nin debe substituír o contacto coa xente e o intercambio de pareceres, sempre enriquecedor para calquera persoa e imprescindible se queremos desenvolver unha política útil e responder con acerto ao que a cidadanía agarda de nós".

 

Sentidiño fronte a polarización extrema

 

A xuízo de Santalices, “a conquista de novos dereitos non pode nin debe cimentarse sobre a polarización extrema que paira sobre a política dos nosos días e pecha o camiño a calquera intento de diálogo e de achegamento entre persoas e formacións diverxentes".

 

Por iso, o presidente da Cámara animou aos seus integrantes a buscar a “vía galega, a vía do sentidiño, da cordura, da política útil que a xente nos reclama un día tras outro".

 

Abundando nesta idea, e como xa avanzara na sesión constitutiva, o presidente do Parlamento de Galicia reiterou que “a nada contribúe a descualificación persoal nun debate. Pode e debe debaterse con vehemencia, confrontar argumentos diametralmente opostos, pero civilizadamente".

 

Aposta polo uso do galego

 

Santalices animou tamén aos integrantes da Cámara, no marco da liberdade que debe caracterizar o seu traballo, a seguir elixindo o galego como lingua habitual na institución a modo de “compromiso cun dos nosos principais sinais de identidade (a lingua), unha riqueza que temos a obriga de impulsar e protexer con todas as nosas enerxías, sen que iso deba ser obxecto de reproche nin de interpretacións estrañas, especialmente por parte de quen non tivo o privilexio en​riquecedor de vivir nunha contorna bilingüe".

 

Recoñecemento ao papel dos xornalistas e medios de comunicación

 

Para o presidente do Parlamento, son varios os factores que contribúen ao debilitamento da democracia: conflitos bélicos e o cuestionamento do dereito internacional, no ámbito externo; e, xa en clave interna, “a perda de confianza nas institucións, moitas veces alentada polo comportamento inapropiado dos políticos que as dirixen".

 

Referiuse, a maiores, ás campañas de desinformación e ás noticias falsas, “un serio perigo para calquera sociedade democrática". Fronte a esta ameaza, Santalices reivindicou o traballo dos xornalistas e dos medios de comunicación, “alicerce fundamental de calquera sistema democrático, e cómpre sermos conscientes diso".

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación. ​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina