saltar ao contido

Santalices reivindica o “éxito” dos 40 anos da autonomía galega e anima a coñecer mellor a historia recente

 
• O Parlamento de Galicia acolleu este mércores unha xornada conmemorativa do 40 aniversario das primeiras eleccións autonómicas galegas galegas coa participación de Mariano Rajoy, Víctor Vázquez Portomeñe, Xerardo Estévez e Camilo Nogueira, e clausurada polo presidente da Xunta
 
• O titular da Cámara galega agradece o traballo de todas as persoas que contribuíron ao asentamento da democracia e a chegada da autonomía nun “exemplar exercicio de concordia que fariamos ben en recuperar nos nosos días”
 
Santiago, 20 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá unha xornada conmemorativa do 40 aniversario das primeiras Eleccións autonómicas galegas, celebradas tal día coma hoxe de 1981. A sesión foi  inaugurada polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e clausurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Contou coa participación  de  cadanseu representante dos catro grupos parlamentarios xurdidos das primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia: Mariano Rajoy Brey (Grupo Parlamentario de Alianza Popular de Galicia),  Víctor Vázquez Portomeñe (Grupo Centrista), Xerardo Estévez Fernández (Grupo dos Socialistas de Galicia) e Camilo Nogueira Román (Grupo Mixto).
 
Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia reivindicou “un mellor coñecemento da nosa historia”, xa que esta é, ao seu xuízo, unha das eivas dos españois en xeral e dos galegos en particular. Actividades como a que hoxe acolleu a  Cámara galega tratan de suscitar a curiosidade e o interese da xente sobre unha etapa aínda recente, pero practicamente esquecida.
 
“Por desgraza, moitos dos nosos coetáneos –por non falarmos dos máis novos- saben tanto ou máis dos primeiros presidentes estadounidenses que dos feitos e das personalidades aos que debemos a estabilidade e o benestar dos que España e Galicia gozamos nos nosos días”, afirmou Santalices.
 
Recordou que, cando as galegas e galegos elixiron nas urnas o seu primeiro Parlamento autonómico, “as ansias de democracia latexaban con forza na maioría da xente, o que explica o éxito sen paliativos do Estado de dereito que, entre todos, fomos quen de edificar e consolidar nestas catro décadas”.
 
Recuperar a concordia
 
O presidente da Cámara galega recordou que “estamos en débeda con moita xente”, entre os que citou aos impulsores do Estatuto do 36; as “vítimas da barbarie e da represión”; “as  persoas que se viron na obriga de se exiliaren para salvar as súas vidas, moitas veces nunha viaxe sen retorno”; “os que avivaron o espírito galeguista e democrático durante a longa noite de pedra”; e cantos, en suma, “desde diferentes posicionamentos, contribuíron ao asentamento da democracia e á chegada da autonomía, nun exemplar exercicio de concordia que fariamos ben en recuperar nos nosos días”.
Santalices subliñou tamén o “entusiasmo dos que concorreron  a aqueles comicios a partir dos que comezou a edificarse a autonomía e as institucións que hoxe a conforman”. Dos protagonistas de aquela época, o titular da Cámara gabou o traballo da “Comisión dos 16”, autores do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía e a cantos se empeñaron en superar o “Estatuto da Aldraxe”. “A eles –afirmou- corresponde o mérito de que Galicia teña agora a consideración de Comunidade histórica. Porque houbo quen, naqueles tempos, tratou de arrombar a Galicia ao vagón de cola, nunha categoría inferior a Cataluña e ao País Vasco”.
Albor, apóstolo da autonomía
Santalices tivo, ademais, verbas de agradecemento para o primeiro presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, que “sacrificou unha desafogada situación persoal, como médico e cirurxán de prestixio, para se converter en apóstolo da autonomía, na procura dunha maior base social para o autogoberno e de ancoraxes sólidas para as institucións que se dispoñían a edificar”.
 
A xornada celebrada hoxe enmárcase na programación deseñada polo Parlamento de Galicia para conmemorar os 40 anos da autonomía galega. Arrincou coa entrega da Medalla do Parlamento de Galicia á Xeración Nós, o pasado mes de abril, e terá continuidade o próximo 19 de decembro, no aniversario da constitución da primeira lexislatura da Cámara galega, entre outras actividades.
 
O acto foi  presentado por Victoria Rodríguez e comezou coa proxección dun vídeo, conducido por Xosé Antonio Touriñán, con imaxes e testemuñas relacionadas coa época na que se celebraron as primeiras Eleccións ao Parlamento de Galicia e a súa significación.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina