Absentismo:
Conduta do deputado ou deputada que, de modo reiterado e sen xustificación, deixa de asistir voluntariamente ás sesións do Pleno ou das comisións. Segundo o regulamento, pode ser privado, por acordo da Mesa, dalgún ou de todos os dereitos que lle conceden os artigos 8 a 11.
O Tribunal Constitucional admite a ausencia puntual dos deputados e deputadas a determinadas sesións parlamentarias como manifestación dun posicionamento político lexítimo.
Abstención: Opción que unha deputada ou un deputado poden tomar nas votacións nas que non desexan manifestarse a favor ou en contra da cuestión sometida á decisión do órgano parlamentario do que forman parte.
Acta: Documento que contén unha relación sucinta das materias debatidas, de persoas intervenientes, de incidencias producidas e de acordos adoptados. No Parlamento de Galicia serán asinadas por quen exerza a secretaría ou a vecesecretaría, co visto e prace de quen exerza a presidencia. De non se producir reclamación sobre o seu contido dentro dos dez días seguintes á realización da sesión, entenderase aprobada.
Administración electoral: Está constituída polos órganos previstos na Lei orgánica de réxime electoral xeral e na Lei de eleccións ao Parlamento de Galicia, e conta coa importante función de velar pola corrección do procedemento electoral e a expedición das credenciais das deputadas e deputados electos.
Alusión: Intervención no debate parlamentario que implica xuízo de valor ou inexactitudes sobre a persoa ou conduta dunha deputada ou dun deputado. A súa constatación recae no xuízo da Presidencia.
Apertura da sesión: Acto formal de inicio da reunión parlamentaria que anuncia a Presidencia do órgano no que ten lugar o debate.
Asentimento: Forma de adopción de acordos con motivo dunha votación, que consiste en considerar aprobadas as propostas da Presidencia cando, unha vez anunciadas, non susciten ningunha obxección nin oposición.
Biblioteca parlamentaria: Dependencia da Administración parlamentaria que, segundo o regulamento, debe contar cunha asignación anual no orzamento e na que se encontra a documentación bibliográfica necesaria para o desenvolvemento das funcións parlamentarias.
Boletín Oficial do Parlamento de Galicia: Publicación oficial da Cámara na que constan os documentos lexislativos de control ou impulso que ordene incluír un órgano parlamentario.
Certificación: Documento expedido por quen exerce a secretaría ou a vicesecretaría da Mesa no que se dá conta dalgún acordo parlamentario co visto e prace da Presidencia da Cámara.
Control da delegación lexislativa: Procedemento mediante o cal o Parlamento manifesta o seu criterio en relación co uso que a Xunta de Galicia fixo da delegación lexislativa feita polo Parlamento galego.
Convocatoria: Documento mediante o cal os membros dun órgano son chamados a participar nel de forma regulamentaria.
Credencial: Certificación emitida pola xunta electoral competente mediante a cal se acredita a condición de electa da persoa candidata ás eleccións.
Créditos extraordinarios: Modificación orzamentaria que require a aprobación do Parlamento. No caso de que estea disolto ou se encontre fóra de períodos de sesión, o órgano competente para a súa autorización é a Deputación Permanente.
Cuestión de confianza: Procedemento parlamentario mediante o cal o presidente ou presidenta da Xunta solicita a confirmación da confianza do Parlamento sobre o seu programa ou sobre unha declaración política xeral.
Cuestión de orde: Incidente que pode ser suscitado por unha deputada ou un deputado para lle pedir á Presidencia a observancia do regulamento. Precisa da cita dos preceptos infrinxidos, non orixina debate e a Presidencia resolve sen máis trámite.
Chamada á cuestión: Potestade da Presidencia en relación coas oradoras ou oradores que, no uso da palabra, abandonen a cuestión obxecto da orde do día, xa por digresións estrañas ao punto do que se trate, xa por volver sobre algo que foi discutido ou votado.
Chamada á orde: Potestade da Presidencia respecto das oradoras ou os oradores que incumpren, con motivo do uso da palabra, certos criterios da ordenación dos debates previstos no Regulamento.
Debate de totalidade: Procedemento parlamentario no que a Cámara se pronuncia con carácter xeral sobre un proxecto ou unha cuestión na súa globalidade, que dá lugar, por tanto, ao posicionamento xeral a favor ou en contra dos distintos grupos parlamentarios.
Declaración de urxencia: Procedemento que pode acordar a Mesa do Parlamento, por petición da Xunta, de dous grupos parlamentarios ou dunha quinta parte das deputadas e deputados, que trae consigo que os prazos terán unha duración da metade dos establecidos con carácter ordinario.
Deputación Permanente: Órgano parlamentario que vela polos poderes da Cámara cando expire o mandato parlamentario, cando o Parlamento estea disolto ou non estea reunido por se encontrar fóra dos períodos ordinarios de sesións ou por calquera causa de forza maior que impida reunir o Pleno.
Desorde: Situación creada pola conduta de obra ou de palabra de calquera persoa que pode dar lugar á súa expulsión das dependencias parlamentarias por indicación da Presidencia. De se estimar conveniente, os servizos de seguridade da Cámara levantarán as oportunas dilixencias por se os actos producidos puidesen ser constitutivos de delito ou de falta.
Diario de sesións: Publicación oficial da Cámara na que se reproducen integramente, deixando constancia dos incidentes producidos, todas as intervencións e acordos adoptados en sesións do Pleno e da Deputación Permanente.
Días hábiles: Períodos de tempo que teñen relevancia para os efectos do cómputo dos prazos regulamentarios. Exclúense os períodos nos que o Parlamento non realiza sesións, a non ser que o asunto en cuestión estiver incluído na orde do día dunha sesión extraordinaria.
Discurso: Participación das oradoras e oradores de forma persoal e de viva voz nas sesións parlamentarias. Poderán producirse desde a tribuna ou desde o escano.
Empate: Resultado dunha votación que no Pleno provoca, por imperativo regulamentario, a realización dunha segunda e, de persistir aquel, a suspensión da votación durante o prazo que coide razoable a Presidencia. Transcorrido o prazo, repetirase a votación e, se de novo se produce o empate, entenderase desbotado o ditame, o artigo, a emenda, o voto particular ou a proposición de que se trate.
Escano: Localización física das deputadas e dos deputados no salón de plenos da Cámara. Correspóndelle a súa asignación á Mesa, oída a Xunta de Portavoces.
Estatuto do persoal: Norma xurídica con rango de lei que regula os dereitos, os deberes, as situacións, as función e as competencias do persoal funcionario ao servizo do Parlamento de Galicia.
Grupo parlamentario: Organización de deputadas e deputados conforme a cal se regula a súa participación na maior parte dos procedementos lexislativos, de impulso e control da Cámara. Non poden constituír grupo parlamentario separado deputados e deputadas que pertenzan a un mesmo partido ou coalición electoral. Os grupos parlamentarios deberán constar, polo menos, de cinco deputados e deputadas, e cada deputado ou deputada non poderá formar parte máis ca dun só grupo parlamentario.
Idiomas oficiais do Parlamento: O galego e o castelán son as linguas oficiais da Cámara, e as deputadas e deputados poden facer uso indistintamente de ambos os idiomas.
Incompatibilidades: Actividades que, segundo a lexislación electoral, non poden realizarse no caso de posuír a condición de parlamentario ou parlamentaria. A súa finalidade é a de evitar os conflitos de intereses para aquelas persoas que desempeñan un cargo público representativo.
Indisciplina: Conduta contraria ao respecto ás regras de orde establecidas polo regulamento e que pode dar lugar a sancións previstas naquela norma.
Informe da ponencia: Documento de traballo no procedemento lexislativo no que se dá conta do criterio do ponente ou ponentes en relación co texto da iniciativa lexislativa e das emendas que se lle formulasen.
Inmunidade: Prerrogativa das parlamentarias e dos parlamentarios pola cal, durante o seu mandato, non poden ser detidos nin retidos polos actos delituosos cometidos no territorio de Galicia, agás en caso de flagrante delito. Os deputados e deputadas, ademais, están aforados, no tocante á súa responsabilidade penal polos feitos cometidos en Galicia, ante o Tribunal Superior, e, fóra dela, ante a sala segunda do Tribunal Supremo. A inmunidade das deputadas e deputados autonómicos non inclúe a necesidade de autorización da Cámara —suplicatorio— para que estes poidan ser procesados.
Interpelación: Iniciativa que poden presentar deputados e deputadas e grupos parlamentarios, que se substancia no Pleno da Cámara e que ten por obxecto motivos ou propósitos da actuación do Executivo ou das consellarías en materias de política xeral ou cuestións de acentuada relevancia.
Interpretación do Regulamento: Facultade atribuída á Mesa da Cámara que se estende á posibilidade de suplir as lagoas que o texto teña nos supostos de dúbida ou omisión.
Interrupción: Incidencia prohibida polo Regulamento tanto en relación co uso da palabra das oradoras e oradores con motivo dos seus discursos coma no tocante á realización das votacións, respecto das que terminantemente se dispón que non poderán interromperse por ningunha causa.
Investidura: Procedemento polo que o Parlamento elixe de entre os seus membros o presidente ou presidenta da Xunta e lle outorga a súa confianza para o exercicio da xestión política.
Inviolabilidade: Garantía da que gozan as deputadas e os deputados, aínda despois de cesaren no seu mandato, polos votos emitidos e polas opinións manifestadas no exercicio das súas funcións.
Lectura única: Procedemento lexislativo especial aplicable a proxectos de lei cuxa natureza ou simplicidade de formulación o permitan, caracterizado pola súa tramitación directa no Pleno ou ante unha comisión.
Mesa de idade: Órgano reitor de carácter transitorio que adopta as decisións e medidas necesarias ao longo da sesión constitutiva do Parlamento de Galicia.
Moción: Iniciativa de impulso subseguinte a unha interpelación que se substancia ante o Pleno da Cámara coa finalidade de que esta manifeste a súa posición.
Moción de censura: Procedemento mediante o cal o Pleno da Cámara exixe a responsabilidade política do presidente ou presidente da Xunta e designa, se é o caso, un novo presidente ou unha nova presidenta.
Moción de pechamento: Incidente que pode acordar a Presidencia, de acordo coa Mesa, de oficio ou por petición do portavocía dun grupo parlamentario, cando considera que, no seo dunha discusión, un asunto está suficientemente debatido.
Orde do día: Relación de asuntos incluídos para debate nunha determinada sesión parlamentaria. A Xunta de Galicia pode pedir que nunha sesión concreta se inclúa un asunto con carácter prioritario sempre que este cumprise os trámites regulamentarios.
Pregunta: Procedemento de información mediante o cal unha deputada ou un deputado poden requirir a Xunta sobre aspectos que non sexan de exclusivo interese persoal de quen formula a pregunta ou de calquera outra persoa singularizada, nin que supoña consulta de índole estritamente xurídica.
Promesa: Xunto á opción do xuramento de acatar e gardar fidelidade á Constitución española e ao Estatuto de autonomía para Galicia, preséntase como un dos requisitos precisos para que a deputada ou o deputado adquiran a condición plena de tal.
Quórum: Requisito de asistencia mínima de deputados e deputadas para a validez da realización das sesións dos órganos da Cámara. No Parlamento de Galicia, o quórum necesario é da metade máis un dos membros do órgano parlamentario.Debe diferenciarse o quórum de constitución dos órganos parlamentarios antes referido do quórum de adopción de acordos, que consiste na maioría requirida de votos a favor para eles. Na Cámara galega o quórum xeral de adopción de acordos é a maioría simple, é dicir, que unha determinada proposta acade máis votos a favor ca en contra.
Reconsideración: Escrito que pode presentar un deputado ou unha deputada ou un grupo parlamentario se discrepan dos actos de cualificación e admisión a trámite que adopte a Mesa do Parlamento. A reconsideración será resolta pola Mesa, oída a Xunta de Portavoces, mediante resolución motivada.
Réplica: Rolda nos debates parlamentarios que posibilita a contradición coas argumentacións dos demais oradores e oradoras. No caso galego, establécese con carácter xeral por unha soa vez e por un tempo máximo de cinco minutos.
Rexistro de intereses: Dependencia constituída na Cámara baixo a dependencia directa da Presidencia e a custodia da Oficialía maior no que se incorporan os expedientes individualizados das deputadas e dos deputados pertencentes a cada lexislatura do Parlamento de Galicia. O contido das declaracións de actividades, de bens e dereitos, das declaracións modificativas así como das subseguintes á perda da condición de deputada ou deputado será público, a través do Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e do Portal de transparencia da Cámara, agás aqueles datos referentes á localización dos bens inmobles e mais aqueloutros que a Mesa acorde omitir para salvagardar a privacidade e a seguridade dos seus titulares.
Rolda de portavoces: Intervención nos debates prevista para o caso de non existir precepto específico que posibilite unha intervención dun representante de cada grupo parlamentario se non o fixo nas roldas a favor ou en contra. Á diferenza destas últimas, a súa duración non excederá os dez minutos.
Salón de sesións: Lugar reservado para a realización das sesións plenarias da Cámara e no que tomarán asento os deputados e deputadas conforme a súa adscrición a grupos parlamentarios. Así mesmo, haberá un banco especial destinado aos membros da Xunta de Galicia. Só terán acceso ao salón de sesións, ademais das persoas indicadas, o persoal funcionario do Parlamento de Galicia no exercicio do seu cargo e quen estea expresamente autorizado pola Presidencia.
Sanción: Resultado da potestade disciplinaria e de policía atribuída á Presidencia da Cámara, que pode afectar tanto os deputados e deputadas que incumpran os seus deberes coma calquera outra persoa dentro do recinto parlamentario. Nos casos máis graves, de suspensión temporal da condición de deputada ou deputado, as sancións poden requirir a participación da Mesa e do Pleno da Cámara.
Segredo: Deber das deputadas e dos deputados en relación con aquelas actuacións que, segundo o disposto no Regulamento, poidan ter o carácter de secretas. O incumprimento deste deber pode dar lugar á privación dalgún ou todos os dereitos das deputadas e deputados por acordo da Mesa.
Senado: Cámara alta das Cortes Xerais á que se lle comunica de modo formal a constitución do Parlamento de Galicia. A Cámara galega é quen de designar, mediante acordo plenario, os senadores e senadoras que representarán a Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1.c) do Estatuto de autonomía para Galicia.
Sesión extraordinaria: Reunión realizada pola Cámara fóra dos dous períodos ordinarios de sesións. Pode ter lugar por petición da Xunta de Galicia, da Deputación Permanente ou da maioría absoluta dos membros do Parlamento. Na petición deberá figurar a orde do día que se propón para a sesión extraordinaria solicitada.
Subvención: Medio de financiamento que o Parlamento pón á disposición dos grupos parlamentarios na contía fixada pola Mesa da Cámara e tendo en consideración o número de deputados e deputadas de cada un deles. Os grupos parlamentarios levarán unha contabilidade específica desta subvención, que poñerán á disposición da Mesa sempre que esta llela pida. Anualmente , esta información publicarase no Portal de transparencia do Parlamento de Galicia.
Uso da palabra: Facultade das deputadas e dos deputados que pode ser exercitada se a teñen pedida e obtida da Presidencia. Se unha deputada ou un deputado chamados pola Presidencia non se encontraren presentes, enténdese que renunciaron a facer uso da palabra.
Valedor do Pobo: Órgano dependente da Cámara cuxo titular é elixido polo Pleno mediante a maioría de tres quintos dos seus membros. Controla a Administración pública de Galicia e defende os dereitos fundamentais dos galegos. A súa relación co Parlamento canalízase a través da Comisión de Peticións.
Votación: Procedemento parlamentario para fixar o criterio da Cámara e dos seus órganos respecto dun asunto. A votación poderá ser por asentimento, ordinaria, pública ou secreta. A Presidencia pode acordar que a votación se realice a unha hora determinada, anunciada previamente. Se, chegada a hora fixada, o debate non rematou, a Presidencia sinalará unha nova hora para a votación.
Voto ponderado: Sistema de adopción de acordos utilizado nos órganos da Cámara que non teñen composición proporcional á presenza dos grupos parlamentarios no Pleno. Consiste en atribuír tanto valor ao voto do representante do grupo como número de deputados e deputadas con que conta esa facción no Pleno da Cámara.
Voto particular:
O Regulamento galego utiliza esta expresión en dous sentidos diferenciados. No procedemento lexislativo é posible que, despois de aprobado o ditame da Comisión, se presenten votos particulares coa finalidade de defendelos no Pleno e recuperar textos anteriores do trámite lexislativo.
Nun contexto diferente, o Regulamento prevé os votos particulares como o posicionamento dun grupo parlamentario en relación coas conclusións dunha comisión de investigación nas que non se incluíron aqueles. O grupo propoñente pode pedir que os votos particulares rexeitados se publiquen tamén no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.