saltar ao contido

Charlas-coloquio A Nosa Arte

O Parlamento de Galicia conta cunha valiosa e variada colección de arte galega, con representación das principais figuras da pintura, da escultura e da fotografía de Galicia. Neste fondo artístico están integradas máis de trescentas cincuenta obras pertencentes a máis de cento vinte artistas significativos na historia da arte de Galicia, polo que dá mostra do compromiso desta institución na promoción cultural e patrimonial da súa expresión artística.

A Real Academia Galega de Belas Artes, asociada ao Instituto de España, é unha corporación oficial que actúa como institución consultiva, informativa e asesora dos organismos públicos e privados que teñan ao seu cargo a defensa, a conservación e a restauración do tesouro artístico e monumental de Galicia. Alén, fomenta a investigación e a práctica das artes e vela pola conservación, a valoración e a difusión da riqueza monumental e artística. Destaca pola súa colaboración co Parlamento de Galicia nos ámbitos da difusión, o estudo, o asesoramento, a investigación e a conservación da colección de arte da Cámara.

Atendendo aos resultados positivos da colaboración, ao abeiro dos protocolos subscritos con anterioridade entre as dúas institucións, o Parlamento de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes acordan poñer en marcha o programa Charlas-coloquio A Nosa Arte sobre o fondo artístico da cámara lexislativa galega en centros educativos e culturais do territorio autonómico. Ten por obxectivo a prestación de charlas divulgativas, mediante unha figura académica, sobre a súa valiosa e variada colección de arte.

A actividade está orientada ao estudantado de centros especializados na arte, como as ramas do coñecemento da historia da arte, da expresión artística, das belas artes, da pintura, do deseño, do gravado, da xestión cultural, da conservación etc. Pódese solicitar a través das canles previstas polo Parlamento de Galicia.

As persoas encargadas de explicar polo miúdo as obras que compoñen a colección de arte serán académicas da Real Academia de Belas Artes de Galicia, todas elas profesionais, especialistas de recoñecido prestixio encadradas en cinco seccións: pintura, gravado, arquitectura, arqueoloxía e museoloxía. O alumnado participará na fase do coloquio coas preguntas, as cuestións e as reflexións que considere de interese.

Desenvolvemento das charlas-coloquio

  • A figura académica será citada polo parlamento no lugar, data e hora que indique o centro educativo ou universitario no formulario de solicitude
  • A charla-coloquio será moderada por un membro do equipo directivo do centro ou do profesorado responsable da actividade. Este informará do tempo dispoñible e velará polo seu bo desenvolvemento. En primeiro lugar, presentaralle o académico ou académica ao alumnado.
  • A continuación, visualizarase un vídeo do Parlamento e a súa colección de arte. Para iso, a sala debe contar con un ordenador e un proxector axeitados.
    Recoméndase descargar o vídeo con antelación premendo no seguinte enlace. Unha vez acceda ao enlace, poderá descargar o vídeo premendo no botón dereito do rato e seleccionando “Gardar vídeo como…” ou seleccionar “Descargar” nos tres puntiños que aparecen na marxe inferior dereita do vídeo. Se a sala onde se impartirá a charla dispón dunha boa conexión a internet tamén pode reproducilo en liña dende a seguinte ligazón: https://www.parlamentodegalicia.es/ColeccionArte/ .
  • Seguidamente, a figura académica fará unha exposición sobre os bens culturais da colección empregando como apoio visual unha presentación de fotografías. Para iso, será necesario dispoñer dun ordenador con Power Point ou visualizador de fotos de Windows que o académico poida manexar.
  • Despois disto, o alumnado efectuará as preguntas que considere convenientes, ás que irá dando resposta o académico ou académica.
  • Para rematar, a persoa moderadora pronunciará unhas palabras para o peche do acto. A duración total da charla-coloquio será de 50 a 60 minutos como máximo.
  • As charlas-coloquio deben ter lugar no salón ou na aula que indique o centro. Cómpre que sexan adecuados a este tipo de actividade e ao número de asistentes.
  • Se non dispuxeran das necesidades técnicas anteriormente especificadas, pregamos nolo indiquen no apartado "Observacións" do formulario de solicitude e contactaremos co centro á maior brevidade posible.

Solicitude de Charla-coloquio

DATOS DO CENTRO DE ENSINO
DATOS DO ALUMNADO QUE ASISTIRÁ Á CHARLA COLOQUIO

*Exemplo: Escolas ( graos, ensinanzas artísticas profesionais, módulos), Universidades( graos, mestrados).

DATOS DOS/AS PROFESORES/AS RESPONSABLES DO GRUPO
DÚAS DATAS DE PREFERENCIA PARA CELEBRAR A CHARLA-COLOQUIO NO CENTRO EDUCATIVO
OBSERVACIÓNS

* Aviso: Tras premer no botón Enviar se lle vai a enviar un correo electrónico cun enlace. Ata que non prema no enlace non se da por completada e rexistrada a solicitude.

saltar ao pe de páxina