A utilización do xentilicio “gallego” como un alcume pexorativo non só ofendeu a milleiros de galegos e galegas e a outras persoas sensatas, senón que constitúe un tópico non aceptable polo que contén de prexuízo xenófobo, inadmisible no único marco de debate que cómpre defender, o das ideas.
Este tipo de prexuízos xenófobos susténtanse nun pensamento feble e na falta de cultura, e entraña un perigo potencial para a convivencia das persoas e dos pobos.
O Parlamento galego fai un chamamento a afondar na educación nos valores cívicos da tolerancia e respecto ao outro, e a abandonar a linguaxe que pode fomentar estas condutas, sobre todo por parte das persoas creadoras de opinión, entre as que nos atopamos as representantes e os representantes públicos.
Parlamento de Galicia, 9 de marzo de 2010