Os xóvenes da Asociación Gallega de la Empresa Familiar visitaron a Cámara para coñecer o seu funcionamento
Santiago, 12 de abril de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, recibiu esta tarde no seu despacho a unha delegación do Forum Familiar, integrado na Asociación Gallega de la Empresa Familiar, que lle explicaron as orixes e obxectivos desta entidade, ademais de repasar a situación das empresas familiares na Comunidade Autónoma.
Rojo Noguera animou aos membros do Forum Familiar a trasladar propostas a Cámara, a través dos diferentes grupos parlamentarios.
O Forum Familiar naceu no ano 2005 no seo da Asociación Gallega de la Empresa Familiar para sensibilizar aos máis novos sobre a súa relevancia no proceso de cambio xeneracional ao que, en diferentes momentos, deben enfrontarse as empresas, ademais de incentivar a participación destes mozos nas actividades da propia Asociación.
A reunión celebrada esta tarde con Rojo Noguera enmárcase nunha rolda de contactos que o Forum Familiar está a desenvolver en ámbitos diversos da sociedade, a cultura e a política de Galicia.
Os integrantes do Forum Familiar aproveitaron a ocasión para visitar as dependencias do Parlamento de Galicia, onde o persoal da Institución, e a propia presidenta, lles ofreceron información detallada sobre o funcionamento da Cámara lexislativa.
Saúdos, Gabinete de Comunicación