• García-Escudero e Rojo Noguera inaugurarán a mostra que, desde unha óptica plural, explica o nacemento e as dúas primeiras lexislaturas da Cámara a través dun percorrido documental, fotográfico e audiovisual
• Estará aberta ao público ata o vindeiro 24 de maio
Santiago, 14 de abril de 2011.- A sede do Senado acollerá o vindeiro mércores, 18 de abril o acto inaugural da Exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada polo Parlamento de Galicia para recuperar e poñer en valor as orixes da institución e o proceso de constitución do autogoberno da Comunidade Autónoma.
O presidente do Senado, Pío García-Escudero, e maila presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, serán os encargados de inaugurar a exposición que quedará aberta ao público na Cámara Alta ata o vindeiro 24 de maio.
Ademais de todos os deputados e senadores, ao acto inaugural foron convidadas outras autoridades, así como integrantes dos diferentes colectivos galegos asentados en Madrid.
A mostra chega ao Senado logo de estar aberta ao público no Parlamento de Galicia, onde foi inaugurada o 4 de xullo de 2011, no marco das actividades organizadas pola Cámara para conmemorar o 30 aniversario do lexislativo galego.
A decisión de trasladar a exposición ao Senado foi adoptada no transcurso da visita que o presidente da Cámara Alta, Pío García-Escudero, efectuou ao Parlamento de Galicia a comezos do pasado mes de febreiro. Pilar Rojo valora e agradece a acollida brindada polo Senado a esta mostra producida polo Parlamento de Galicia e amósase convencida de que poucas institucións resultan tan apropiadas como a Cámara de representación territorial para acoller esta exposición fóra de Galicia.
“Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, ofrece ao visitante unha visión plural sobre a etapa preautonómica e as dúas primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia.
Ao longo desta etapa, o Lexislativo galego chegou a utilizar ata dúas sedes provisionais en Santiago de Compostela (os pazos de Xelmírez e de Fonseca) antes de trasladarse á súa ubicación actual e definitiva, o pazo do Hórreo, construido inicialmente para albergar unha Facultade de Veterinaria pero que, por vicisitudes diversas, foi utilizado, posteriormente, como cuartel militar durante décadas.
Material diverso
A través de 24 paneis, o visitante pode afondar no coñecemento da historia e as primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia, servíndose de diferente material documental, fotográfico e audiovisual.
A exposición configúrase como unha amena crónica visual, xurdida para poñer en valor a tarefa loable protagonizada polos primeiros deputados autonómicos da historia de Galicia.
Nota para os medios:
Os xornalistas interesados na cobertura informativa do acto inaugural deberán solicitar ACREDITACIÓN no Senado enviando os seus datos (nome e apelidos, DNI e medio, especificando o acto de que se trata) ao seguinte correo electrónico:
prensa@senado.es