saltar ao contido

Unha delegación da Rede Galega contra a Pobreza entrégalle ao Parlamento un documento con propostas de inclusión social

Mantiveron unha reunión coa presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Noguera, e con representantes dos tres grupos parlamentarios
 
 
• Rojo Noguera reitera que o Parlamento é a casa de todos os galegos e galegas, e moi especialmente das persoas con risco de exclusión social

Santiago, 15 de abril de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, acompañada polos portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruiz Rivas, a deputada socialista Beatriz Sestayo, e o voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, reuniuse esta mañá cunha delegación dos colectivos participantes no I Encontro galego de cidadanía inclusiva, acompañados pola directiva da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), que aproveitaron a xuntanza para entregar na Cámara un documento con propostas destes colectivos e con propostas sobre os dereitos de igualdade e de cidadanía.
 
Rojo Noguera deulles a benvida a agradeceu a presenza desta delegación no Parlamento de Galicia, a casa de todos os galegos e galegas, pero moi especialmente a das persoas en risco de exclusión social.
 
Na reunión, que tivo lugqr no despacho da presidenta do Parlamento de Galicia, EAPN-Galicia presentou o “Manifesto por unha cidadanía inclusiva”, documento no que se recollen os resultados e propostas extraídos do I Encontro galego de cidadanía inclusiva, que EAPN-Galicia celebrou en Santiago o pasado 10 de abril. Este encontro reuniu medio cento de participantes dunha ducia de colectivos en situación ou risco de exclusión social (persoas inmigrantes, sen teito, etnia xitana, mozos tutelados e ex tutelados, parados de longa duración, persoas con discapacidade e ex toxicómanos).
Foron os participantes no encontro os que elaboraron as conclusións do manifesto presentado hoxe. En representación destes colectivos, acompañaron á xunta directiva de EAPN-Galicia un membro do colectivo xitano, outro das persoas con discapacidade e un mozo residente en vivenda tutelada.
 
A Rede Galega contra a Pobreza nace en setembro de 2008 coa finalidade de agrupar e unir os esforzos das entidades galegas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión social a través da defensa dos dereitos e a participación social plena destes colectivos.
 
Integrantes
 
EAPN-Galicia é membro da Red de Lucha contra la Pobreza y la Exclusión Social en el Estado Español-EAPN-ES e forma parte da European Anti Poverty Network -EAPN-, unha coalición independente de ONG e outros grupos involucrados na loita contra a pobreza e a exclusión social nos estados membros da Unión Europea. Está formada polas seguintes entidades: Fundación Secretariado Xitano, Fundación Meniños, Cruz Vermella, Down Galicia, Asociación Plataforma polo Emprego, FEAFES: Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais de Galicia, COGAMI: Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, IGAXES3, Emaús Fundación Social, Cáritas Diocesana de Ourense, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Federación Autismo Galicia, Asociación Galicia Acolle, ACCEM Galicia.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina