saltar ao contido

O Senado acolle desde hoxe unha exposición sobre as orixes do Parlamento de Galicia

• O presidente do Senado e a presidenta do Parlamento de Galicia inauguraron a mostra
 
• Pilar Rojo reitera a súa aposta pola concordia, entendida como  “unha relación de persoas en harmonía e respecto, máis aló das diferenzas de criterios e das súas posturas ideolóxicas afastadas”
 
• A titular do lexislativo galego agradece a acollida brindada polo Senado, exemplo dunha cooperación institucional “ineludible” no momento actual


Madrid, 18 de abril de 2012.-
A exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada polo Parlamento de Galicia no marco do seu 30 aniversario para divulgar as orixes da institución e rendir homenaxe aos seus primeiros protagonistas foi inaugurada este mediodía na Cámara Alta nun acto presidido polo titular desta institución, Pío García-Escudero, e a presidenta do lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera.
 
Destacou a presidenta do Parlamento de Galicia o “exemplo” dos deputados e deputadas que formaron parte das dúas primeiras lexislaturas da Cámara galega, etapa na que se centra a exposición. A actitude de “aqueles pioneros que nos precederon nas tarefas parlamentarias pode e debe contribuír á concordia e tamén pode e debe axudar a construír a Galicia do presente e do futuro”.
 
A mostra, que permanecerá aberta ao público no Palacio do Senado ata o vindeiro 24 de maio, data na que será trasladada á Diputación de Ourense, estivo previamente instalada na sede do Parlamento de Galicia desde o pasado 4 de xullo, e resultou un dos eixos centrais da programación deseñada para conmemorar o 30 aniversario da Cámara, constituída o 19 de decembro de 1981.
 
Esta programación estivo caracterizada pola “sobriedade e austeridade”, buscando o “máximo achegamento” entre os cidadáns e o Parlamento, “unha das miñas principais preocupacións”.
 
“O noso programa conmemorativo –agregou Rojo Noguera- adoptou a concordia como bandeira e concepto de referencia. A concordia ben entendida, como unha relación de persoas en harmonía e respecto, máis aló das diferenzas de criterios e das súas posturas ideolóxicas afastadas”.
 
Época de consensos
Durante o período analizado na exposición inaugurada hoxe, e cunha Cámara “sin as maiorías absolutas que chegaron despois co noso lembrado presidente, Manuel Fraga, fraguáronse os grandes consensos, que canalizaron a aprobación de leis básicas emanadas do noso Estatuto de Autonomía”, argumentou Pilar Rojo.
 
Aqueles anos, agregou a presidenta do Parlamento de Galicia, “estaban practicamente esquecidos e son case descoñecidos polas novas xeracións”. Non obstante, trátase dunha década “moi intensa, rica en acontecementos e vivencias, que resultou decisiva no noso devir para unha mellor estruturación e o noso posterior desenvolvemento autonómico”.
 
Na súa intervención, Pilar Rojo recordou expresamente o papel do primeiro presidente do Parlamento de Galicia, Antonio Rosón Pérez, “que morreu coas botas postas, cumprindo co seu deber institucional”; e para o primeiro presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor.
Recordou tamén as catro mulleres que ocuparon un escano na Cámara galega nesas dúas primeiras lexislaturas –Emma González Bermello, María del Carmen Lovelle Alén, Flora Veiga Aldariz e Rosa Gómez Limia-, que encabezaron a representación da muller na vida política, “hoxe felizmente normalizada”. O Parlamento de Galicia conta, desde o pasado mes de febreiro, con maioría feminina (38 diputadas e 37 diputados).
 
Imaxes a tamaño real
As imaxes das catro primeiras mulleres que formaron parte do Parlamento de Galicia enmárcanse nunha serie de 15 figuras autoportantes, de  tamaño real, integradas na exposición, e que reproducen fotos da época de outros tantos persoeiros significativos de aquelas dúas primeiras lexislaturas, como Mariano Rajoy, Xosé Manuel Beiras, Gerardo Fernández Albor ou Fernando González Laxe, entre outros.
Rojo Noguera recordou tamén a “participación activa” de Mariano Rajoy naqueles primeiros anos da Cámara galega. O actual presidente do Goberno foi o deputado máis novo do primeiro Parlamento de Galicia, onde exerceu como secretario da Mesa e “participou de forma intensa no debate parlamentario”, onde chegou a ocupar a Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
 
Pilar Rojo trasladou o agradecemento do Parlamento de Galicia ao Senado e ao seu presidente pola acollida dispensada á mostra presentada este mediodía no Salón dos Pasos Perdidos da Cámara Alta. Esta receptividade é interpretada pola presidenta do lexislativo galego como unha mostra da “decidida política de colaboración” que o titular da Cámara Alta  pretende impulsar cos diferentes parlamentos autonómicos. “Creo que hoxe, máis ca nunca, esa cooperación resulta ineludible”, afirmou Rojo Noguera.
 
A exposición está integrada por 24 paneis con textos, fotografías e viñetas, e outros dous con material audiovisual da época.
 
Asistentes
O acto inaugural celebrado este mediodía no Palacio do Senado contou tamén coa asistencia da ministra de Fomento, integrantes da Mesa do Congreso e do Senado; os membros da Mesa do Parlamento de Galicia; o presidente da Asamblea de Extremadura e da CALRE; o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, así como deputados, senadores e diferentes representantes da colectividade galega asentada en Madrid.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina