saltar ao contido

O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolle desde este martes a exposición sobre as orixes do Parlamento de Galicia

• Logo de pasar polo Senado, a mostra inicia un Ourense un percorrido polas catro capitais galegas
 
• Rojo Noguera e Baltar Blanco inaugurarán a mostra que, desde unha óptica plural, explica o nacemento e as dúas primeiras lexislaturas da Cámara a través dun percorrido documental, fotográfico e audiovisual

• Estará aberta ao público ata o vindeiro 15 de xullo

Santiago, 28 de maio de 2012.-
O Centro Cultural da Deputación de Ourense amosará desde mañá martes, 29 de maio, a Exposición  “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada polo Parlamento de Galicia para recuperar e poñer en valor as orixes da institución e o proceso de configuración do autogoberno da Comunidade Autónoma.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, serán os encargados de inaugurar a exposición nun acto previsto para as 20,00 horas.
 
A mostra foi inaugurada no Parlamento de Galicia o 4 de xullo de 2011, no marco das actividades organizadas pola Cámara para conmemorar o 30 aniversario do lexislativo galego. Posteriormente, estivo aberta ao público no Senado a partir do pasado 18 de abril e agora inicia en Ourense un percorrido que a levará ás catro capitais de provincia de Galicia.

“Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, ofrece ao visitante unha visión plural sobre a etapa preautonómica e as dúas primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia.
 
Ao longo desta etapa, o Lexislativo galego chegou a utilizar ata dúas sedes provisionais en Santiago de Compostela (os pazos de Xelmírez e de Fonseca) antes de trasladarse á súa ubicación actual e definitiva, o pazo do Hórreo, construido inicialmente para albergar unha Facultade de Veterinaria pero que, por vicisitudes diversas, foi utilizado, posteriormente, como cuartel militar durante décadas.
 
Material diverso
A través de 24 paneis, o visitante pode afondar no coñecemento da historia e as primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia, servíndose de diferente material documental, fotográfico e audiovisual.
 
A exposición configúrase como unha amena crónica visual, xurdida para poñer en valor a tarefa loable protagonizada polos primeiros deputados autonómicos da historia de Galicia.
 
A mostra estará aberta ao público no Centro Cultural da Deputación de Ourense ata o próximo 15 de xullo, data na que será trasladada a Pontevedra.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina