saltar ao contido

Pilar Rojo: “O Parlamento é unha poderosa vía para canalizar os desexos de participación e para encontrar solucións aos retos pendentes”

• A presidenta do Parlamento de Galicia clausurou en Pontevedra o ciclo de conferencias 2011-2012 da Cátedra  “Almirante Álvarez Ossorio” da Escola Naval Militar

• Pilar Rojo opina que “parlamento e democracia son pluralismo, participación, transparencia e garantía de dereitos humanos”

 “Hoxe máis ca nunca, o parlamentarismo como principio e valor é unha boa guía para construir políticas públicas cercanas á cidadanía”

Pontevedra, 28 de maio de 2012.-
“Nos actuais momentos, cheos de crises e turbulencias, o Parlamento como referente, como órgano de representación, é unha poderosa vía para canalizar os desexos de participación e un útil mecanismo para debater e encontrar solucións aos retos pendentes”. Así o manifestou esta tarde en Pontevedra, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, no transcurso dunha intervención coa que clausurou o ciclo de conferencias co curso 2011-2012, da Cátedra “Almirante Álvarez Ossorio”, impulsada pola Escola Naval Militar e a Universidade de Vigo.
 
Nunha conferencia titulada “O Parlamento e a súa función representativa”, Pilar Rojo repasou as orixes do parlamentarismo, desde as asambleas estamentais medievais que buscaban reequilibrar o poder do monarca a través de representantes da nobreza, a Igrexa ou as cidades, ata os parlamentos modernos, nos que sobresae a súa pretensión de “representar a toda a comunidade, e non só aos privilexiados ou aos estamentos”.

Pluralismo e participación
“A asamblea parlamentaria, en canto representa políticamente á cidadanía, móstrase como símbolo por excelencia do pluralismo e da participación consustancial á liberdade”, afirmou a titular do lexislativo galego.

Con todo, Rojo Noguera insistiu en que o esquema do parlamentarismo democrático  precisa, como “imprescindible complemento” dun “sistema electoral garantista”, e que as Cámaras lexislativas dispoñan de “independencia respecto ao poder executivo”.

Por iso, explicou, “os reximes democráticos protexen aos parlamentarios individuais para que podan cumprir as súas funcións sen a presión do Executivo”, con  prerrogativas como a inviolabilidade (irresponsabilidade polas opinións manifestadas no exercicio da función parlamentaria) e a inmunidade (prohibición de detención dos parlamentarios e necesidade de que a súa respectiva asamblea dea o visto e prace ás actuacións xudiciais contra eles).

Na súa intervención, Pilar Rojo debullou tamén outros dereitos e deberes dos deputados, como as incompatibilidades ou o rexime de inelixibilidade ao que que están sometidos. “Todas estas medidas, individuais e colectivas, persiguen que a representación non sexa falseada e que a vontade da cidadanía non permañeza facticamente reducida por outro poder ou órgano alleo ao que reúna aos nomeados de maneira directa polo pobo”. Trátase, en palabras da oradora, non de privilexios persoais, senón de “prerrogativas funcionais que serven para garantir a independencia das cámaras”.

Tradición democrática
Referíndose expresamente ao Parlamento de Galicia, a súa titular subliñou que esta institución se enmarca na “tradición democrática liberal que afianzou os modernos sistemas constitucionais, ancorados no pleno respecto aos dereitos fundamentais”.

Ademais de ofrecer unha detalla explicación sobre o sistema electivo, a composición, funcións e estrutura da Cámara galega, Pilar Rojo insistiu en que “apostar polo Parlamento é apostar pola calidade democrática, os rasgos esenciais da cal son os mesmos que a democracia de excelencia”.
Pluralismo, participación, transparencia e garantía

Ao seu xuízo, “Parlamento e democracia son pluralismo, participación, transparencia e garantía de dereitos humanos. Por iso, hoxe máis ca nunca, o parlamentarismo como principio e valor é unha boa guía para construir políticas públicas cercanas á cidadanía”.

A presidenta da Cámara galega amosouse convencida de que “debemos reivindicar o Parlamento e o parlamentarismo, a súa actualización e acomodo ás esixencias do presente”, na medida en que a representación parlamentaria “é manifestación de xustiza material e de atemporal valor democrático”.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina