• Foi presentada esta tarde pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o titular da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro
• A mostra, de carácter histórico-cultural, chega a Lugo despois de pasar pola sede do Parlamento, polo Senado e por Ourense e Pontevedra
• Pilar Rojo felicítase de que as mulleres acadasen a maioría no Parlamento de Galicia na VIII Lexislatura
Santiago, 5 de setembro de 2012.- Lugo acolle desde hoxe a exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada polo Parlamento de Galicia no marco da conmemoración do 30 aniversario da institución, para poñer en valor as orixes da Cámara autonómica.
A exposición foi presentada esta tarde pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e polo presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos.
Pilar Rojo explicou que esta mostra de carácter histórico-cultural “quere ser un acto de homenaxe en recordo das deputadas e dos deputados das dúas primerias lexislaturas do Parlamento de Galicia, que nos deixaron o listón moi alto, co seu traballo arreo naqueles difíciles comezos da nosa primeira institución pública”.
Eixe central
A xuízo de Rojo Noguera, “a Cámara galega converteuse desde a súa constitución primeira no eixe central da nosa vida política” e foi alí onde “se fraguaron os grandes consensos que permitiron a aprobación das leis básicas emanadas do noso Estatuto de Autonomía de 1981”.
Foron aquelas “leis esenciais” que permitiron a Galicia “ir medrando pouco a pouco no seu autogoberno, na súa autoestima e tamén no seu benestar, malia as dificultades do momento presente”.
Por esta razón, explicou Pilar Rojo, “hoxe máis ca nunca creemos oportuno recordar aqueles primeiros anos do noso Parlamento, que estaban practicamente esquecidos pero resultaron decisivos no noso devir. E, por iso tamén, pensamos que a celebración do trixésimo aniversario era o momento ideal para rescatar e poñer en valor os feitos e as vivencias máis salientables das dúas primeiras lexislaturas”.
A presidenta do Parlamento recordou con especial agarimo ao primeiro presidente da Cámara autonómica galega, o lucense Antonio Rosón Pérez, “que morreu coas botas postas”, e ao primeiro presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor.
Lembrouse tamén das catro primeiras mulleres que formaron parte da Cámara galega: Emma González Bermello, María do Carmen Lovelle Alén, Rosa Gómez Limia e Flora Veiga Aldariz.
Maioría feminina
“Elas –apuntou Rojo Noguera- lograron abrirse un oco pequeniño naquelas dúas primeiras lexislaturas e encabezaron a presenza da muller ma vida política, hoxe felizmente normalizada, como o demostra o feito de que nesta VIII Lexislatura as deputadas chegamos a ser maioría no Parlamento de Galicia”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia