saltar ao contido

A exposición sobre as orixes do Parlamento de Galicia chega á Coruña, onde pecha o percorrido que a levou ao Senado e as capitais provinciais

• A presidenta do Parlamento agradece a colaboración prestada polo presidente da Deputación e polo alcalde da Coruña para expoñer a mostra na cidade
 
•  Pilar Rojo reivindica a vixencia da democracia parlamentaria e apela ao “esforzo compartido e a concordia” para “articular solucións viables aos problemas plantexados”
 
Santiago, 6 de novembro de 2012.- A Exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada polo Parlamento de Galicia no marco da celebración do seu 30 aniversario para recuperar e poñer en valor as orixes da institución, quedou aberta ao público esta tarde na Coruña, cidade na que remata un percorrido que a levou desde a sede da Cámara Autonómica, en Santiago, ao Senado, en Madrid, e ás capitais provinciais da Comunidade.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, acompañada polo presidente da Deputación Provincial e polo alcalde da Coruña, entre outras autoridades, inaugurou a mostra, que, ata o vindeiro día 29 de novembro, se poderá visitar nas instalacións do Fórum Metropolitano.
 
Pilar Rojo iniciou a súa intervención agradecendo publicamente a colaboración prestada pola Deputación e polo Concello da Coruña  para “traer a exposición á cidade e acercar aos coruñeses unha parte tan importante e intensa da historia de Galicia e da nosa autonomía”.
 
Explicou a titular da Cámara lexislativa galega que esta mostra pretende homenaxear “as deputadas e os deputados das dúas primeiras lexislaturas do Parlamento de Galicia, que nos deixaron o listón moi alto, co seu traballo arreo naqueles difíciles comezos da nosa primeira institución pública”.
 
Eixe da vida política
Desde os seus comezos, (o Parlamento de Galicia constituíuse o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez), “a Cámara galega converteuse no eixe central da nosa vida política” e “alí foi onde se fraguaron os grandes consensos que permitiron a aprobación das leis básicas emanadas do noso Estatuto de Autonomía de 1981”, explicou Rojo Noguera.
 
Foron, na súa opinión, “unhas leis esenciais que lle permitiron á nosa Comunidade ir medrando pouco a pouco no seu autogoberno, na súa autoestima e tamén no seu benestar, malia todas as dificultades do momento presente”.
 
Recordou Pilar Rojo ao primeiro presidente do Parlamento de Galicia, Antonio Rosón Pérez, que morreu coas botas postas naqueles anos”, e ao primeiro presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor. A eles, e a “todos aqueles deputados pioneiros”, incluídas as catro primeiras mulleres que formaron parte da Cámara galega, a presidenta do Parlamento expresou a súa admiración e recoñecemento.
 
Vixencia do parlamentarismo
“Todos e todas, especialmente desde as institucións, estamos obrigados a ofrecer o mellor de cada un de nós para, desde o esforzo compartido e a concordia, articular solucións viables aos problemas plantexados”, subliñou Pilar Rojo, antes de reivindicar a “plena vixencia” da democracia parlamentaria.
 
A presidenta da Cámara recordou que os cidadáns “reclaman solucións” que, en boa parte, “poden e deben articularse desde o Parlamento, como escenario acaído para a discusión serea e o intercambio de pareceres na procura dos acordos que a sociedade esixe cada día”.
 
A través de 14 paneis (28 caras), o visitante de “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)” pode afondar no coñecemento da historia e as primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia, servíndose de diferente material documental, fotográfico e audiovisual.
 
A exposición configúrase como unha amena crónica visual, xurdida para poñer en valor a tarefa protagonizada polos primeiros deputados autonómicos da historia de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina