saltar ao contido

A presidenta do Parlamento reivindica a “Europa das persoas” e unha sociedade ancorada na “xustiza e a igualdade”

 
• Pilar Rojo representa á Súa Maxestade o Rei na Ofrenda da Traslación, na que reivindica a “herdanza” do Camiño de Santiago na civilización europea
 
• Invoca ao Apóstolo para reforzar “o noso firme compromiso co valor da solidariedade e a nosa sólida ética”
 
 
Santiago, 30 de decembro de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, que este mediodía exerceu como delegada rexia na Ofrenda da Traslación celebrada na Catedral de Santiago, reivindicou o legado da tradición xacobea que impregna a realidade europea e fixo votos para superar os problemas actuais.
 
Ao dar continuidade a unha tradición instaurada en 1646, no reinado de Felipe IV, Pilar Rojo considerou que “España e Galicia están en débeda co Apóstolo por establecer nelas un itinerario espiritual que as enriquece en valores e cultura”, e que legou unha herdanza “bañada de humanismo cristián que dignifica a nosa existencia”.
 
Europa das persoas
 
Recordou a presidenta da Cámara galega que a construción da Europa moderna se efectuou, en boa medida, a través de “cimentos socioculturais”, nunha civilización que  se “alimenta da herdanza do Camiño”. “A Europa das persoas, que aúna diversidade e unidade, comparte este legado, cuia orixe se remonta á traslación que hoxe conmemoramos”, agregou.
 
Pilar Rojo amosuse convencida de que a tradición xacobea pode resultar útil para afrontar o paro e a crise actuais, e acadar a recuperación da seguridade e a esperanza. Avogou, para iso, por avanzar en “progreso social, pero tamén progreso espiritual, porque o ser humano vai máis aló da súa entidade, como realidade meramente física”.
 
Ética e solidariedade
 
Na súa invocación, a delegada rexia pediu ao Apóstolo axuda para “todos os responsables públicos”, para que “adopten as mellores solucións para superar os problemas do presente”; para que os máis necesitados consigan saír da situación actual; para “alcanzar un sistema social ancorado na xustiza e a igualdade”; e para reforzar “o noso firme compromiso co valor da solidariedade e a nosa sólida convicción ética co servizo público”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina