• “Asistimos a un auténtico rexurdimento do fenomeno Xacobeo, pero nada disto tería sido posible sen o traballo desenvolvido na última década do século pasado”, afirma Rojo Noguera
Santiago, 5 de xuño de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presidiu este mediodía o acto de entrega do I Premio Internacional Camiño de Santiago ao exconselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, como recoñecemento á súa contribución á posta en valor do Camiño de Santiago e o fenónemo xacobeo no seu conxunto.
O galardón, outorgado pola Orde do Camiño de Santiago, constitúe, en opinión de Rojo Noguera un xusto recoñecemento ao labor desenvolvido por Víctor Vázquez Portomomeñe, “galego de ben profundamente comprometido coa nosa terra e as súas xentes, e político brillante que non arelou máis meta que a de servir a Galicia con todas as súas capacidades”.
Pilar Rojo recordou que “asistimos a un auténtico rexurdimento do fenómeno xacobeo, pero nada disto tería sido posible, seguramente, sen o traballo desenvolvido na última década do século pasado”.
A presidenta do Parlamento vinculou, ademais, a boa marcha do Ano Santo Compostelano co esforzo desenvolvido pola Xunta de Galicia, ao tempo que felicitou ao actual conselleiro de Cultura pola xestión que desenvolve neste Xacobeo 2010.
Do homenaxado no acto desenvolvido no Hostal dos Reis Católicos, a presidenta o Parlamento destacou tamén a súa participación na elaboración do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, que dotou á Comunidade dunha elevada
capacidade de autogoberno.
Galicia, dona do seu destino
“Dito hoxe, pode semellar presuntuoso –engadiu Rojo Noguera- pero é o certo que ningún dos galeguistas históricos que nos precederon foron quen de soñar, sequera, cunha Galicia con Goberno e Parlamento de seu, como alicerces formadores da súa propia identidade e do seu destino”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación