• Busca identificar e poñer en valor as prácticas que se revelen como máis útiles para reforzar a eficiencia institucional dos 74 parlamentos rexionais europeos
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, ultimou hoxe, nunha reunión do Comité Permanente da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa) que se celebra en Venecia (Italia) as liñas de actuación do grupo de traballo sobre “Modelos institucionais rexionais-democracia rexional” que coordina a Cámara galega.
Durante o actual exercicio, este grupo de traballo ten previsto efectuar un estudo comparado sobre os diferentes modelos parlamentarios da Unión Europea e as iniciativas de reforzamento da democracia rexional.
O obxectivo que se persegue é identificar, mediante os datos subministrados polos diferentes parlamentos integrados na CALRE, as prácticas que ofrezan resultados máis útiles para mellorar a eficiencia institucional das cámaras lexislativas rexionais europeas.
Católogo de mellores prácticas
Na procura dese catálogo de mellores prácticas, o grupo de traballo liderado polo Parlamento de Galicia efectuará un estudo comparado sobre procedementos, estrutura institucional, status dos parlamentarios e administración parlamentaria.
Federalismo fiscal
Durante a xornada de hoxe, a presidenta do Parlamento de Galicia participou tamén nunha reunión do grupo de traballo de “Federalismo Fiscal”, do que forma parte. Nesta liña, Pilar Rojo considera que países como España, que se caracterizan por unha descentralización fiscal moi superior a Italia, presentan tamén necesidades diferentes ás de estados cunha autonomía rexional menos desenvolvida.
Integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas, consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oitos países diferentes e representan a máis de 200 millóns de habitantes.