saltar ao contido

Pilar Rojo: “Nada de canto sucede en torno ao mundo da pesca resulta alleo ao Parlamento de Galicia”

• A presidenta do Parlamento participou no acto de entrega das Medallas ANFACO-CECOPESCA, celebrado este mediodía en Vigo
 
• Rojo Noguera recorda a cantos teñen contribuído a facer de Galicia un territorio líder no sector conserveiro e de transformación, “unha fazaña que leva impreso un marchamo feminino”

Santiago, 3 de maio de 2013.- “Para o Parlamento de Galicia, nada de canto sucede en torno ao mundo da pesca e o sector industrial derivado resulta alleo”, subliñou este mediodía en Vigo a presidenta da Cámara lexislativa autonómica, Pilar Rojo, no transcurso do acto de entrega das Medallas ANFACO-CECOPESCA, presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Rojo Noguera destacou   o “papel crucial que teñen xogado na historia económica de Galicia e que continúan desenvolvendo” na actualidade os socios de ANFACO-CECOPESCA, máis de 200 empresas pertencentes ao complexo mar-industria.
 
Ao tempo, a xefa do lexislativo galego recordou a todas as persoas que “teñen contribuído, co seu esforzo e o seu traballo, a facer de Galicia un territorio líder” no sector.
 
A xuízo de Pilar Rojo trátase dunha “fazaña que, en boa medida, leva impreso un marchamo feminino, porque as mulleres aportaron e aportan a maior parte da man de obra” no sector conserveiro. “Aportan tesón e bo facer –afirmou-, que se traslada á transformación de produtos elaborados de primeirísima calidade, apreciados como tales no mundo enteiro”.
 
A mellor despensa mariña
 
Se ben recoñeceu que Galicia conta coa “mellor despensa mariña do mundo”, a presidenta do Parlamento apuntou que “sen a coidada manufactura á que estes produtos son sometidos nas nosas fábricas, dificilmente terían acadado as actuais cotas de prestixio nos mercados”.
 
No transcurso do acto, celebrado nas instalacións do Clube Financeiro de Vigo, a presidenta do Parlamento de Galicia entregou a Medalla de Prata de ANFACO-CECOPESCA ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo,  Gabriel Mato Adrover.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina