saltar ao contido

O xurado do Concurso Escolar do Parlamento inicia a selección dos traballos gañadores


• Celebrou a súa primeira reunión para elixir aos gañadores entre un total de 114 orixinais, que xa superaron  unha selección previa nos centros dos que proceden

Santiago, 8 de maio de 2013.- O xurado encargado de seleccionar os traballos gañadores e finalistas da III edición do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia celebrou a súa primeira reunión este martes. Deben seleccionar os mellores traballos entre os 114 orixinais presentados, elaborados por un total de 452 alumnos e alumnas.
 
A primeira selección dos traballos foi efectuada nos propios centros participantes, dado que cada clase só pode participar no concurso con un único traballo.
 
Convocado baixo o lema “O Parlamento de Galicia, a túa casa. O Parlamento á escoita”, o concurso estrutúrase en tres modalidades:
 
• Imaxina a pintura, orientado ao alumnado de infantil, de 1º, 2º e 3º de Educación primaria e de educación especial.
• Escribe o teu conto, para alumnos de 4º, 5º e 6º de
primaria e 1º e 2º de secundaria.
• E Exprésate, no que alumnos de 3º e 4º de secundaria poderán participar con traballos de expresión libre en calquera soporte (vídeo, fotografía, spot publicitario ou calquera outro traballo que poda ser publicado nunha páxina web).
 
As bases do concurso prevén premios para os gañadores, pero tamén para a clase do grupo gañador, para o profesor ou o profesora que supervisara cada un dos traballos gañadores, e para os finalistas de cada unha das modalidades.
 
Xurado institucional
 
As bases do certame sinalan que o xurado estará integrado polos membros da Mesa do Parlamento de Galicia, ou as deputadas e deputados nos que deleguen, e por un docente proposto polo Parlamento.
 
O xurado desta III edición está presidido polo vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e integrado pola vicesecretaria da Mesa do Parlamento, Concepción Burgo; pola presidenta da Comisión 4ª, Educación e Cultura, Mª Soledad Piñeiro (por delegación da presidenta da Cámara); e polos deputados Vicente Docasar Docasar (en representación da vicepresidenta primeira) e Moisés Blanco Paradelo (por delegación do secretario da Mesa). O profesor Xosé Manuel Rosales Noves formará parte do xurado como docente proposto polo Parlamento de Galicia.
 
A segunda reunión do xurado celebrarase durante a terceira semana de maio, e será entón cando se faga pública a relación de ganadores. Os premios entregaranse no transcurso dun acto que se celebrará na sede do Parlamento de Galicia ao longo da primeira quincena de xuño.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina