saltar ao contido

Ditame da Comisión para as relacións co Consello de Contas correspondente ao informe de fiscalización sobre o sector público de Galicia de 2011

  • Ditame emitido pola Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas en relación co informe de fiscalización sobre o sector público de Galicia correspondente ao plan de traballo de 2011 e propostas de resolución aprobadas.
 
A Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas, na sesión do día 13 de xuño de 2013, á vista do informe elaborado pola Ponencia en relación co informe de fiscalización sobre o sector público de Galicia correspondente ao plan de traballo de 2011, de conformidade co disposto nos artigos 116 e seguintes do Regulamento do Parlamento de Galicia, aprobou o ditame e as propostas de resolución seguintes:
 
Ditame
 
“Apróbase a Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2009.”
Propostas de resolución
 
Resolución núm. 1 (Proposta núm. 2. do GP Popular de Galicia)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que continúe traballando na liña de anticipar a rendición da Conta Xeral da Comunidade Autónoma, da Conta Xeral do Sergas e o Informe de actividade económico-financeira das entidades públicas dependentes da Administración Xeral da Comunidade Autónoma, coa finalidade de que este poida aproximar os mencionados Informes ao exercicio en curso; incluíndo para elo a posibilidade de reformar o prazo establecido no Texto Refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia.
 
Resolución núm. 2 (Proposta núm. 4. do GP Popular de Galicia)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que informe anualmente ao Parlamento de Galicia, a través da correspondente comisión, das actuacións realizadas para facer o seguimento do cumprimento das recomendacións do Consello de Contas de Galicia.
 
Resolución núm. 3 (Proposta núm. 5 do GP Popular de Galicia)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que en relación coas modificacións de creto se realice unha mellor planificación plurianual dos fondos europeos que evite que, ao final de cada exercicio, se distorsione o orzamento autorizado e o seu grao de execución e se xere un excesivo emprego das incorporacións orzamentarias previstas no artigo 71 do Texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia.

Esta medida será especialmente tida en conta de cara á programación do gasto do novo programa operativo da Unión Europea para o período 2014-2020.
 
Resolución núm. 4 (Proposta núm. 6 do GP Popular de Galicia)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que unha vez xa posta en marcha os mecanismos oportunos para recoller de forma axeitada o inventario de bens da administración autonómica, se avance na elaboración dun novo inventario de bens inmobles da Administración autonómica.
 
Resolución núm. 5  Propostas núm. 1 do GP dos Socialistas de Galicia (subsumidas a núm. 1 da Alternativa Galega de Esquerda e núm. 3 do GP Popular de Galicia).
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dar cumprimento ás Recomendacións recollidas no Informe realizado polo Consello de Contas de Galicia.
 
Resolución núm. 6 (Proposta núm. 2 do GP dos Socialistas de Galicia)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a axustar a estrutura da Memoria ao establecido no Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia, incluíndo os estados previstos na dita norma e conformando unha información suficiente que remate cas carencias observadas.
 
Resolución núm. 7 (Transacción da proposta núm. 3 do GP dos Socialistas de Galicia)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir axilizando os prazos de remisión da documentación solicitada polo Consello de Contas de Galicia, facilitando a información requirida e rematando cas limitacións que afectaron aos traballos realizados.
 
Resolución núm. 8 (Proposta núm. 4 do GP dos Socialistas de Galicia)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que efectúe as actuacións necesarias para recoller de forma correcta e axeitada o inventario de bens do sector público autonómico.
 
Resolución núm. 9 (Proposta núm. 4 do GP do Bloque Nacionalista Galego)
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que realice as actuacións correspondentes de cara a que todos os organismos e entidades utilicen o idioma galego na súa relación co Consello de Contas.
 
Resolución núm. 10 (Proposta núm. 5 do GP do Bloque Nacionalista Galego)
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a ofrecer información consolidada das contas, que inclúa entes, sociedades, fundacións e consorcios, de xeito que permitan unha visión global da actividade económica de todo o sector público da comunidade autónoma.
 
Resolución núm. 11 (Transacción da proposta núm. 6 do GP do Bloque Nacionalista Galego)
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar o novo sistema de financiamento local que incorpore criterios de reparto que teñan en conta a realidade do noso país, como o impacto da dispersión da poboación no encarecemento da prestación de servizos.

Igualmente, o Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar, no marco da reforma da normativa estatal das facendas locais no momento en que esta se aborde, a integración da Participación das entidades locais nos Ingresos do Estado (PIE) nos orzamentos da Xunta de Galicia, coa finalidade de permitir unha adaptación ás características do territorio e da organización local galega.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina