saltar ao contido

Pilar Rojo: “O eficaz funcionamento dos órganos de control pode contribuír a restaurar a confianza dos administrados respecto das institucións”

• O Parlamento de Galicia acolleu a toma de posesión de Dositeo Rodríguez como conselleiro do Consello de Contas de Galicia
 
• “Galicia e o seu Consello de Contas están de noraboa  pola incorporación de Dositeo Rodríguez”, afirma Rojo Noguera
 
• “O traballo do Consello de Contas cobra especial relevancia no momento actual”

Santiago, 9 de xullo de 2013.- “Nun momento de crecente desapego  entre os cidadáns e as institucións públicas, o eficaz funcionamento dos órganos de control constitúe, probablemente, un dos elementos que máis pode contribuír a restaurar a confianza dos administrados respecto das institucións”. Así o manifestou esta mañá a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, no acto de toma de posesión de Dositeo Rodríguez, como conselleiro do Consello de Contas de Galicia.
 
En opinión de Rojo Noguera, “o rigor e a transparencia esixibles sempre a quen administra cartos públicos teñen que visualizarse e intensificarse, porque se o axeitado funcionamento das institucións de control externo resulta imprescindible en toda circunstancia, non é menos certo que o traballo que ten encomendado o Consello de Contas cobra especial relevancia no momento actual”.
 
Sobre este órgano estatutario, Rojo Noguera expresou o “firme apoio do conxunto da Cámara ao bo funcionamento do Consello de Contas, unha institución que ten gañado un merecido prestixio pola calidade dos seus informes”.
 
Os 22 anos transcorridos desde a posta en funcionamento do Consello de Contas de Galicia fixérono merecedor da “confianza social” ao tempo que foi gañando “axilidade e eficacia”.
 
Traxectoria
Do designado, Pilar Rojo valorou especialmente a súa traxectoria profesional como interventor do Estado, censor xurado de contas, auditor e inspector de Finanzas, entre outras responsabilidades. Por iso, ao seu xuízo, “Galicia e o seu Consello de Contas están de noraboa pola incorporación de Dositeo Rodríguez”.
 
Rojo Noguera tivo tamén unha lembranza afectuosa para José Antonio Orza, falecido recentemente e ata hai pouco tempo conselleiro de Contas.
 
A presidenta do Parlamento enfatizou que “necesitamos institucións fortes, transparentes, eficaces e eficientes, que cumpran satisfactoriamente coa misión que lles foi encomendada”, como exemplifica o Consello de Contas.
 
O acto de toma de posesión do novo membro do Consello de Contas contou coa asistencia do presidente da Xunta e varios conselleiros, os integrantes da Mesa do Parlamento, deputados, os conselleiros e o presidente do Consello de Contas, o delegado do Goberno en Galicia e a presidenta do Consello Económico e Social, entre outros.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina