saltar ao contido

O Parlamento de Galicia suspende a Deputación Permanente prevista para mañá e no seu lugar fará pública unha declaración institucional de homenaxe ás vítimas

• A presidenta da Cámara e os portavoces dos catro grupos parlamentarios así o acordaron hoxe
 
• Ás 12,00 horas, antes da reunión na que se lerá a declaración institucional, persoal e deputados gardarán cinco minutos de silencio no exterior do edificio

Santiago, 25 de xullo de 2013.- O Parlamento de Galicia suspenderá a reunión da Deputación Permanente prevista para mañá e no seu lugar fará pública unha declaración institucional  de homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Santiago e de apoio ás familias.
 
Así o acordou hoxe a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, en conversa cos portavoces dos catro grupos parlamentarios representados na Cámara galega.
 
Mañá venres, ás 12,00 horas, deputados e persoal da Cámara gardarán un cinco minutos de silencio en memoria das vítimas no exterior do edificio para, de seguido proceder á lectura da declaración institucional.
 
A presidenta do Parlamento visitou onte o centro de coordinación de emerxencias e aos familiares das vítimas. Hoxe acompañou aos presidentes do Goberno central e da Xunta, canda outras autoridades, nas diferentes visitas efectuadas. Esta tarde, Pilar Rojo acompañará aos Reis na visita que teñen previsto efectuar a Santiago.
 
As bandeiras ondean a media hasta no Parlamento de Galicia en sinal de loito.
 
O Parlamento de Galicia agradece, ademais, as mensaxes de apoio e solidariedade que lle trasladaron desde onte diferentes persoas e institucións.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina