saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia logo do accidente de tren ocorrido en Santiago de Compostela

Logo do grave accidente de tren ocorrido en Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013, o Parlamento de Galicia declara o seu pesar pola traxedia, traslada a súa solidariedade ás familias das persoas que perderon a vida e súmase ao loito decretado.
 
O Parlamento de Galicia quere trasladar tamén o seu afecto ás persoas feridas e ás súas familias, e desexa unha rápida recuperación de todas elas.
 
Despois do accidente, o Parlamento de Galicia recoñece de maneira especial o esforzo desenvolvido por todos os profesionais que traballan na atención ás vítimas e ás súas familias.
 
A Cámara galega expresa tamén o seu recoñecemento ás veciñas e aos veciños de Santiago de Compostela que colaboraron nas tarefas de rescate e ás persoas voluntarias que se ofreceron para prestar apoio ás vítimas, para doar sangue ou a través de calquera outra manifestación de solidariedade. 
 
Por iso, neste día, no que Galicia está de loito, o seu Parlamento suspende calquera tipo de actividade política para sumarse, xuntos, como fixo desde os momentos posteriores á traxedia, ao loito inmenso que habita nos corazóns de tanta xente e para dicir grazas a todas as persoas que dun ou doutro xeito prestaron e prestan asistencia e apoio ás vítimas e ás súas familias.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2013

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina