• A Cámara galega acolle hoxe e mañá un curso organizado polo Centro de Estudos de Políticas Públicas e Goberno da Universidade de Alcalá, enmarcado na política de portas abertas da institución
• A presidenta do Parlamento reitera que o lexislativo “está aberto a calquera tipo de colaboración que poda resultar de interese”
Santiago, 3 de outubro de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou esta mañá, o foro A innovación como motor de progreso en sanidade, que ata este venres se celebra na sede do lexislativo galego e está organizado polo Centro de Estudos de Políticas Públicas e Goberno da Universidade de Alcalá.
No acto, Pilar Rojo afirmou que “dispoñemos dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo, aínda que é probable que non teñamos sido capaces de desenvolver todo o potencial que alberga como xerador de eficiencia e de coñecemento aplicado”.
A xuízo da presidenta do Parlamento, intercambiar experiencias científicas sobre aspectos como a personalización dos tratamentos ou a extensión da telemedicina constitúe unha oportunidade para mellorar a atención que recibe o paciente” e para analizar como “optimizar recursos limitados que, convén telo presente, son de todos”.
Programa
Durante as dúas xornadas deste foro, estruturadas en relatorios e paneis de debate, abordaranse aspectos como o futuro do coñecemento e praxe médica; a evolución e os cambios na práctica médica derivados da evolución da tecnoloxía, novas terapias oncolóxicas, tecnoloxías e cambios organizativos, xenética, terapia e práctica médica, ou novos modelos de asistencia.
Entre os ponentes figuran expertos pertencentes a empresas, hospitais e universidades galegas, españolas e estranxeiras.
A presidenta da Cámara recoñeceu que “unha das nosas maiores arelas consiste en manter permanentemente abertas as portas da institución ao conxunto da sociedade cun dobre obxectivo: que se coñeza mellor o Parlamento e que o Parlamento estea sempre atento a canto poda suceder no noso entorno”. E reiterou que o lexislativo “está aberto a calquera tipo de colaboración que poda resultar de interese para a Cámara”.
A celebración deste foro foi posta como exemplo desa apertura na que o Parlamento cede as súas instalacións para que profesionais “de primeirísimo nivel” podan compartir ideas e experiencias. O foro conta con arredor de 60 participantes.
Expertos nacionais e internacionais
Os relatorios correrán a cargo de Rafel Yuste, profesor de Neurociencia da Universidade de Columbia; José María Mato, director xeral e director científico de CIC Biogune; Gabriel González Pavón, de CEO Oncovisión; Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); Julio Mayol, director de Innovación e da División de cirurxía colorrectal do Hospital Clínico San Carlos; Blanca Miranda, directora do Biobanco do Sistema Sanitario Público de Andalucía; María José Alonso, catedrática de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela; José Castillo, coordinador de Neurociencias do CHUS; William Haseltine, profesor na Harvard Medical School e fundador e CEO de Human Genome Sciences; José Colás, presidente de Medtronic España&Portugal; Javier Maldonado, director xerente do Hospital Ramón y Cajal de Madrid; Pedro Rico, director médico corporativo do Grupo Hospitalario Quirón; e César Sanz, director médico de MSD.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.