saltar ao contido

Resolucións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia no debate anual de política xeral de 2013

O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 15 de outubro de 2013 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual de política xeral: doc. núm. 12802, 09/DEBA-000001), as seguintes resolucións:

1.ª  Resolución
 “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia ao desenvolvemento da Xestión Clínica, co obxectivo de facilitar a participación e autonomía profesional na xestión. A mesma responderá sempre a un modelo de xestión directo, sen personalidade xurídica propia, para evitar a súa posible conversión en fundacións, consorcios, empresas..., e o réxime xurídico co persoal das mesmas será o de estatutario.”
 
Aprobada por 58 votos a favor, 17 en contra e ningunha abstención.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 40 do G.P. Popular de Galicia co G.P. do Bloque Nacionalista Galego).

2.ª  Resolución
“O Parlamento  de Galicia insta ao Goberno galego a levar a cabo o Plan de Incorporación á Actividade Agraria, onde se contemple a dotación de recursos técnicos e humanos ás Oficinas Agrarias Comarcais, especializados para o servizo de fomento da incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, coas funcións de estudo, titorización e seguimento de proxectos de incorporación e asesoramento técnico e de xestión ás explotacións agrarias, a creación de liñas para prácticas en explotacións agrarias, liñas de axudas ao circulante, dentro das axudas á incorporación de novos activos agrarios para o inicio da actividade que inclúa gastos de constitución de sociedades, das cotizacións á seguridade social, para compra de insumos, etc.
 
Débense de iniciar procesos de colaboración do Bantegal cos concellos galegos para que estes xestionen no seu ámbito as terras dispoñibles, poñéndoas a disposición dos interesados na creación de iniciativas no rural, así como establecer medidas de colaboración entre o Instituto da Vivenda e Solo e os concellos, para a creación de bolsas de vivendas en réxime de aluguer e compra, ligando as axudas á creación de emprego e fixación de xente no rural, potenciación dos mercados locais a través de axudas económicas a concellos, potenciación de circuítos curtos de comercialización, así como unha labor de difusión institucional das vantaxes da compra local e establecer plans específicos para sectores innovadores como poden ser a fruticultura, agricultura e gandería ecolóxica, ou o micolóxico, marcando obxectivos e medios de avaliación da eficiencia dos plans.”
 
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 24 abstencións.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 45 do G.P. da Alternativa Galega de Esquerda co G.P. Popular de Galicia).
 
3.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a defender unha solución que garanta a restitución da totalidade do diñeiro investido ás persoas vítimas da estafa das participacións preferentes e obrigacións subordinadas.”
 
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados da Cámara
 
(Proposta de resolución núm. 15, do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).

4.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a establecer como prioridade perante a Unión Europea, a defensa  das nosas flotas nos caladoiros internacionais, e reivindique  a instauración de compensacións suficientes para os traballadores do mar galegos afectados polos últimos acordos (por exemplo acordo con  Mauritania), dentro dun  estrito respecto pola  pesca sostible, a garantía de continuidade dos caladoiros e a  soberanía dos países titulares dos mesmos, evitando a sobre-explotación mediante a introdución das artes menos lesivas para  a continuidade das especies.”
 
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados da Cámara
 
(Proposta de resolución núm. 49, do G.P. da Alternativa Galega de Esquerda).

5.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia acorda manifestar a súa firme condena a todo tipo de actos de terrorismo entre eles os levados a cabo pola organización Resistencia Galega; así como expresar o seu rexeitamento a calquer tipo de acción ou declaración que xustifique, ampare ou minosvalore a violencia terrorista.”
 
Aprobada por 59 votos a favor, 16 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 1, do G.P. Popular de Galicia).

6.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que remate a posta a disposición dos órganos xudiciais dos instrumentos tecnolóxicos necesarios que permitan a gravación dos xuízos e outras actuacións xudiciais incorporando a sinatura electrónica do secretario/a xudicial, como garantía da súa autenticidade e do seu contido, tal e como recollen as últimas modificacións da Lei de Axuizamento Civil.”
 
Aprobada por 50 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 7, do G.P. Popular de Galicia).

7.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para continuar afondando na interoperabilidade administrativa que supoña a eliminación da documentación a exixir á cidadanía, e na mesma liña seguir reducindo os tempos de resposta na tramitación dos procedementos administrativos como medida de redución das cargas á cidadanía.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, ningún en contra e 34 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 9, do G.P. Popular de Galicia).

8.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar a posta en marcha de instrumentos financeiros para a rexeneración do tecido empresarial galego, para apoiar o crecemento das empresas galegas en disposición de medrar, para apoiar a implantación de investimentos foráneos en Galicia e para facilitar que as empresas galegas se consoliden nos mercados exteriores, todo elo co obxectivo de promover a aceleración do crecemento económico.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 7 en contra e 27 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 28, do G.P. Popular de Galicia).

9.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a implantar un Programa de captación e retención de talento que permita atraer e consolidar investigadores/as, acreditados internacionalmente, de alto nivel e capacidade científico- tecnolóxico no Sistema Galego de I+D.”
 
Aprobada por 48 votos a favor, 9 en contra e 18 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 39, do G.P. Popular de Galicia).

10.ª  Resolución
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a impulsar a economía social na nosa Comunidade, coa aprobación dunha Lei de Economía Social, establecendo mecanismos de actuación que reforcen a representatividade e a visibilidade desta fórmula económica.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 25 en contra e 8 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 43, do G.P. Popular de Galicia).

11.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo unha redución do 12% ao 11,5% no tipo de gravame do tramo autonómico do IRPF para os contribuíntes cunha base liquidable por debaixo de 17.707 euros.”
 
Aprobada por 59 votos a favor, 9 en contra e 7 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 18, do G.P. Popular de Galicia).

12.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar a valoración do Camiño de Santiago como elemento vertebrador do territorio e da paisaxe histórica de Galicia, así como a impulsar a súa relevancia como referente da construción cultural europea. Con esta finalidade proponse continuar avanzando na protección dos Camiños de Santiago a través dun rigoroso traballo de delimitación das rutas xacobeas recoñecidas legalmente e do establecemento do procedemento legal pertinente que permita proceder ao recoñecemento oficial daquelas rutas e variantes dos Camiños que conten con valores históricos acreditados.”

Aprobada por 59 votos a favor, 9 en contra e 7 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 35, do G.P. Popular de Galicia).

13.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a garantir que a política galega de cooperación para o desenvolvemento siga a ser unha política de consenso e que o novo Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 naza como un documento que conte cun amplo apoio, tanto dos axentes da cooperación galega, como dos grupos parlamentarios.”
 
Aprobada por 48 votos a favor, 27 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 13, do G.P. Popular de Galicia).

14.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha un plan de relanzamento da marca Galicia Calidade, que incremente a confianza e o consumo dos produtos galegos tanto a nivel interno como en novos mercados exteriores, prestando unha especial atención á comercialización dos produtos agroalimentarios e pesqueiros.”
 
Aprobada por 48 votos a favor, 27 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 27, do G.P. Popular de Galicia).

15.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia á creación dun canon no sector da minería destinado a blindar o liderado ambiental de Galicia neste eido.”
 
Aprobada por 48 votos a favor, 27 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 34, do G.P. Popular de Galicia).

16.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que no momento no que se plantexe a revisión ou reforma do modelo de financiamento autonómico a determinación do esforzo  fiscal e os criterios de reparto dos recursos disponibles sexan regulados polo estado tras as actuacións correspondentes no seo do sistema multilateral de cooperación e coordinación entre a administración do estado e das Comunidades Autónomas. A Xunta de Galicia defenderá os principios constitucionales de suficiencia, solidariedade interterritorial e lealdade institucional.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 16 en contra e 18 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 8, do G.P. Popular de Galicia).

17.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a manter os esforzos para fortalecer a internacionalización das empresas galegas mediante novos servizos en orixe e destino e con programas de formación e especialización para empresarios.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 16 en contra e 18 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 29, do G.P. Popular de Galicia).

18.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar o desenvolvemento das enerxías renovables na Comunidade Autónoma e a incluír dentro dos orzamentos do ano 2014 unha rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais para todos os proxectos que se levan a cabo neste ámbito.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 16 en contra e 18 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 30, do G.P. Popular de Galicia).

19.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar a súa aposta pola valorización enerxética da biomasa forestal primaria en Galicia, e para tal efecto poñerá en marcha as correspondentes políticas de estímulo, desenvolvendo un Plan de Acción Integral da Biomasa en Galicia, que lle de preferencia a esta actividade económica.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 16 en contra e 18 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 31, do G.P. Popular de Galicia).

20.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a desenvolver unha Estratexia de Atención Integral á Cronicidade.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 16 en contra e 18 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 42, do G.P. Popular de Galicia).

21.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a: que elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas Comunidades Galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 5, do G.P. Popular de Galicia).

22.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar combatendo con todas as ferramentas a lacra da violencia de xénero, con medidas como a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas da Violencia de Xénero.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 6, do G.P. Popular de Galicia).

23.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar potenciando os dous eixos principais de actuación da Axencia Tributaria de Galicia, a loita contra a fraude fiscal  e a información e asistencia ao contribuínte e a seguir colaborando coa Axencia Estatal da Administración Tributaria no intercambio de información para facilitar o control tributario e na campaña de renda,  para facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias no IRPF e no Imposto de Patrimonio, así como a seguir conveniando cos concellos que así o soliciten na recadación executiva dos seus ingresos.”

Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 17, do G.P. Popular de Galicia).

24.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a fomentar e apoiar a constitución de unidades mixtas de investigación entre grupos de investigación de organismos de investigación e empresas. Enténdense estas unidades como unha fórmula especialmente interesante para o achegamento entre o mundo empresarial e o científico de cara a desenvolver proxectos de investigación e valorización conxuntos e para atraer empresas de fóra do noso territorio.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 26, do G.P. Popular de Galicia).

25.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para a progresiva implantación nos centros educativos da utilización extensa de contidos educativos dixitais, incluídas aquelas tendentes a posibilitar a utilización intensiva de libros dixitais; de xeito que se afonde nesta liña de traballo do proxecto Abalar e permita seguir mantendo a Galicia dentro das comunidades líderes dentro do ámbito da educación en entorno dixital.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 37, do G.P. Popular de Galicia).

26.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a promover unha política pesqueira, no marco das súas competencias, que leve a unha revisión profunda do modelo de xestión e ordenación pesqueira e marisqueira nas augas interiores galegas, implementando unha política sectorial nestes ámbitos que poña especial atención ao deseño e desenvolvemento de plans plurianuais para a explotación das principais especies pesqueiras e da conversión progresiva do marisqueo nunha actividade de semicultivo, alén de continuar coa defensa da actividade marítima – pesqueira e da cadea mar - industria galega no ámbito internacional e comunitario, con especial énfase na busca dunha saída que permita faenar á flota cefalopodeira que o facía en Mauritania, na defensa dunha regulamentación acaída para a pesca de especies de augas profundas e para a disposición de TAC e cotas máis amplas e adecuadas para a nosa flota no ámbito comunitario e da consecución de marcos de acordo comerciais con terceiros países, nomeadamente Tailandia e Filipinas, que non menoscaben as potencialidades da industria conserveira galega e que teñan un nivel de requisitos que sexa igualitaria coas esixidas no espazo da Unión Europea.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 50, do G.P. do Popular de Galicia).

27.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que tendo en conta o carácter estratéxico do sector naval para Galicia, continúe impulsando o firme apoio aos estaleiros galegos tanto públicos como privados, e para iso seguirá reclamando ao Goberno central que logre canto antes carga de traballo suficiente para os estaleiros públicos na ría de Ferrol, de xeito que podan manter un axeitado nivel de actividade e emprego; que persista nas negociacións coa UE, para lograr o levantamento do veto á construción naval civil no estaleiro de Fene; e que continúe desenvolvendo o paquete de medidas de apoio ao sector naval anunciado, nomeadamente impulsando a construción dun dique flotante que consolide a area de reparacións de Navantia.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. Popular de Galicia).

28.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a, de conformidade coa normativa estatal e autonómica, manter a prestación do transporte escolar como servizo educativo complementario gratuíto e de especial relevancia para o rural de Galicia; así como a propiciar a consecución da progresiva extensión da rede de comedores baixo fórmulas que aseguren a implicación das familias e inclúan a asunción de comedores xestionados por ANPAS que así o desexen.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia).

29.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a promover os mecanismos necesarios para facilitar a intermediación e a inserción laboral e nese senso a crear unha carteira de servizos de emprego, que serva como base para unha fonda transformación das oficinas de emprego.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 44 do G.P. Popular de Galicia).

30.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar traballando na sensibilización social do problema demográfico da nosa Comunidade e no establecemento de actuacións dirixidas a procurar o fomento da natalidade e apoio á familia. Así como, a continuar coa posta en marcha das medidas contempladas no Plan para a dinamización demográfica de Galicia, con medidas concretas como a nova exención de prezo público do segundo fillo, e posteriores, matriculados na Rede de Escolas Infantís da Xunta, para familias con rendas inferiores a 30.000 euros.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 46, do G.P. do Popular de Galicia).

31.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a promover un plan de medidas de fomento e estímulo produtivo da prevención nos montes privados de Galicia de forma que sirva para minorar as consecuencias dos lumes nas áreas próximas aos núcleos urbanos e rurais e que contribúa a ampliar as medidas de prevención nas zonas forestais cunha xeración produtiva das mesmas, atendendo a un impulso de medidas fiscais, normativas, de planificación e estímulo produtivo e inversor con especial relevancia na coordinación coas entidades locais e fórmulas asociativas dos propietarios do monte galego.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 47, do G.P. do Popular de Galicia).

32.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a promover a tramitación dunha lei que avance na mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, incorporando medidas de aproveitamento do territorio en clave produtiva e simplifique os procesos de ordenación produtiva e de titularidade do mesmo, para o que se creará un grupo de traballo, previo cumprimento dos requisitos regulamentarios, dentro do Parlamento de Galicia para analizar e propoñer melloras sobre o borrador do proxecto de lei.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 48, do G.P. do Popular de Galicia).

33.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar coa formulación de medidas e accións na defensa dun proceso equitativo de construción de prezos no sector primario galego, con atención especial á produción avícola e porcina e atendendo de forma específica ao control da cadea comercial no tinxinte ás prácticas ilegais ou fraudulentas e á súa comunicación e denuncia aos órganos administrativos de defensa da competencia e aos xudiciais.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 49, do G.P. do Popular de Galicia).

34.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia acorda reprobar calquera manifestación realizada por cargos públicos nas que se xustifiquen os crimes e asasinatos producidos durante o franquismo pola gravidade que supón dar amparo e xustificar  a vulneración de dereitos humanos fundamentais naquela época.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 2, do G.P. do Popular de Galicia).

35.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia acorda levar a cabo a redución do número de deputados desta Cámara, na franxa baixa de representación prevista no artigo 11 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que fixa o número de escanos do Parlamento de Galicia entre 60 e 80.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 3, do G.P. do Popular de Galicia).

36.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a aprobar unha Lei de control da calidade dos servizos públicos de Galicia, que de aos galegos e galegas unha seguridade, de forma obxectiva, sobre os seus dereitos no eido do benestar.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 4, do G.P. do Popular de Galicia).

37.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado co obxectivo de que, no ámbito das súas competencias, se establezan medidas orientadas a primar a cooperación intermunicipal nas convocatorias de subvencións e axudas públicas a entes locais.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 10, do G.P. do Popular de Galicia).

38.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a intensificar e profundizar na especialización e diversificación dos cometidos e ámbitos de intervención da Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma, no contexto actual de reforzo do número de efectivos que ven de experimentar esta Unidade; así como a levar a cabo a modificación legal que dote á policía autonómica da potestade para sancionar aos incendiarios.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 11, do G.P. do Popular de Galicia).

39.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar traballando na elaboración dunha Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 que promova a concentración da inversión nunha serie de áreas prioritarias baseadas no coñecemento e nas novas tecnoloxías, tendo en conta que a  elaboración desta estratexia establécese como unha condición ex – ante para acceder ao financiamento dos fondos europeos durante o período 2014 – 2020.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 12, do G.P. do Popular de Galicia).

40.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a cumprir de novo o obxectivo de estabilidade orzamentaria e cumprimento do deficit público aprobado no seo do Consejo de Política Fiscal y Financiera.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 14, do G.P. do Popular de Galicia).

41.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a actualizar e simplificar o Plan Estratéxico de Galicia para facer compatibles os seus indicadores cos do novo Programa Marco 2014-2020.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 15, do G.P. do Popular de Galicia).

42.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que co fin de blindar a rendabilidade dos fondos públicos, presente un novo proxecto de Lei de Finanzas, que busque mellorar a eficiencia na Administración autonómica.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 16, do G.P. do Popular de Galicia).

43.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia é consciente da importancia que, para o desenvolvemento económico, ten contar con entidades financeiras solventes, eficientes e comprometidas coas PEMES e as familias. A tal efecto, ante a obrigada privatización de Novagalicia Banco, expresa a necesidade de que o proceso dea como resultado unha entidade solvente, eficiente, comprometida coas familias e coas empresas galegas, e que axude ó finanzamento da Obra Social desenvolvida pola Fundación Novacaixagalicia.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 19, do G.P. Popular de Galicia).

44.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a acadar coa FEGAMP, na defensa dos respectivos intereses, o maximo consenso posible nas propostas de modificacion que se realicen respecto do proxecto de Lei de racionalización e sostenibilidade da administración local, co obxetivo de garantir que se contemplen as peculiaridades do municipalismo galego e a sua necesaria coordinacion coa Administracion Autonomica.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 20, do G.P. Popular de Galicia).

45.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar a erradicación de puntos de vertido incontrolado de residuos, apoiando aos concellos na rexeneración ambiental dos espazos degradados; e a intensificar as accións directas ante a cidadanía para o fomento da reciclaxe, en desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 21, do G.P. Popular de Galicia).

46.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a traballar conxuntamente coa FEGAMP no desenvolvemento dun pacto local da auga, para o establecemento de liñas comúns de prestación dos servizos do ciclo da auga, na procura da calidade do servizo, a recuperación de custos e a cooperación no ámbito supramunicipal; e a priorizar a aplicación de fondos estruturais do programa financeiro plurianual 2014/2020 ás obras hidráulicas, especialmente á mellora do funcionamento das redes de saneamento en concellos do litoral de Galicia, co obxectivo de continuar coa mellora da clasificación das zonas marisqueiras.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 22, do G.P. Popular de Galicia).

47.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a facer entrega aos grupos parlamentarios no actual período de sesións do texto articulado para unha nova Lei do solo, a colaborar de forma activa na análise e interpretación do seu contido, a ter en conta as propostas achegadas e a tramitar posteriormente e coa maior dilixencia o correspondente proxecto de lei, co obxectivo de acadar coa maior brevidade, unha norma co maior consenso e vocación de permanencia posibles.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 23, do G.P. Popular de Galicia).

48.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar apostando pola Estratexia de Venda do Solo Empresarial, e coa aprobación do Plan Sectorial de Areas Empresariais.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 24, do G.P. Popular de Galicia).

49.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar na procura dunha estratexia de impulso común do sistema aeroportuario de Galicia, conforme aos criterios técnicos obxectivos que se determinen nos estudos elaborados polas administracións autonómica e do Estado para a especialización e complementariedade das tres terminais existentes; e a avanzar na procura da mellora da intermodalidade das súas instalacións.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 25, do G.P. Popular de Galicia).

50ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar a súa aposta pola enerxía eólica, e para tal efecto poñerá en marcha as correspondentes medidas xurídicas, fiscais e administrativas que permitan minimizar os efectos adversos derivados do novo modelo retributivo establecido a nivel estatal.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 32, do G.P. Popular de Galicia).

51.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a, de acordo coa normativa vixente, desenvolver políticas de dinamización e promoción da lingua galega en distintos ámbitos,  que axuden a visualizar a súa utilidade en relación con outras linguas oficiais e estranxeiras, con especial atención á lusofonía; ao tempo que se insiste nun proceso de contactos e encontros conducentes á busca do máximo consenso posible en materia lingüística para posibilitar o desexado acordo institucional en torno ao proceso de normalización da lingua..”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 38, do G.P. Popular de Galicia).

52.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar con políticas que garantan a sostibilidade do Sistema, xestión eficiente e mantemento e mellora da calidade das prestacións, entre outros no uso de recursos farmacoterapéuticos; na integración e continuidade asistencial; na xestión por prioridades; na extensión da Plataforma Loxística; na utilización e aproveitamento das tecnoloxías para mellorar o funcionamento do sistema e o achegamento ao cidadán; na mellora das infraestruturas ou nas iniciativas de mellora da seguridade e calidade.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 41, do G.P. Popular de Galicia).

53.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar mellorando a calidade da atención social e a eficiencia dos recursos destinados ás persoas maiores, fomentando un envellecemento activo, e ás persoas con discapacidade, mellorando a accesibilidade a través dunha nova normativa.”
 
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución  núm. 45, do G.P. Popular de Galicia).
 
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013
 
Pilar Rojo Noguera
Presidenta

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina