saltar ao contido

Pilar Rojo, elixida presidenta da CALRE co obxectivo de reforzar a colaboración dos parlamentos rexionais coas institucións europeas

- Buscará unha maior colaboración entre os 74 parlamentos rexionais que forman parte da CALRE


- Superar o déficit de espírito europeo, un dos obxectivos da CALRE

 

Santiago, 22 de outubro de 2013.-  A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, foi elixida hoxe, por unanimidade, presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) para o exercicio de 2014, en substitución da belga Françoise Dupuis, presidenta do Parlamento de Bruxelas  capital.

 
Pilar Rojo asume esta responsabilidade co reto de lograr unha maior colaboración entre todos os parlamentos rexionais que forman parte da CALRE como foro de debate e de intercambio de experiencias.
 
Reforzar vínculos
“A base da CALRE ten que seguir consistindo en establecer vínculos con todas e cada unha das institucións europeas, promovendo o diálogo e a colaboración”, afirmou Pilar Rojo, que concretou esa necesidade de achegamento entre institucións como a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e, moi especialmente, o Comité das Rexións.
 
Na súa intervención ante os participantes no XVII Plenario da CALRE, Pilar Rojo chamou a atención sobre a necesidade de seguir aplicando a política de subsidiariedade, para que a Europa posterior ao Tratado de Lisboa poida ser percibida como unha institución próxima aos cidadáns e que inflúe na súa vida cotiá.
 
Déficit de espírito europeo
“A superación do déficit de espírito europeo” constitúe, a xuízo de Rojo Noguera, un aspecto no que deben traballar os entes rexionais con capacidade lexislativa.
 
Insistiu tamén a presidenta do Parlamento de Galicia en que os socios de CALRE teñen tamén a responsabilidade de concienciar aos cidadáns en relación coa importancia da súa participación nos próximos comicios europeos.
 
Pilar Rojo solicitou tamén a colaboración de todos os presidentes e presidentas dos lexislativos rexionais europeos para afrontar a tarefa para a que acaba de ser elixida, dado que “aínda que a Presidencia da CALRE é unha responsabilidade persoal, manter viva esta organización é unha responsabilidade colectiva que a todos compete”.
 
Recordou tamén a significación de Santiago de Compostela, “meta do primeiro itinerario cutlural europeo polo que transitaron ideas e se forxaron gran parte dos valores sobre os que pivota a civilización occidental”.
 
74 rexións e máis de 200 millóns de cidadáns
Creada en 1997 e integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas,  consellos rexionais italianos, asembleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asembleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oito países diferentes e representan a máis de 200 millóns de cidadáns.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina