A presidenta do Parlamento de Galicia e o presidente de Renfe asinaron un convenio para impulsar as visitas organizadas ao lexislativo galego
• Rojo Noguera insiste en que o Parlamento de Galicia é a casa de todos os galegos e, como tal, todos os cidadáns están convidados a coñecer a sede do poder lexislativo autonómico
Santiago, 8 de setembro de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e o presidente de Renfe-Operadora, Teófilo Serrano, veñen de asinar un acordo de colaboración que permitirá ofrecer descontos do 40% sobre a tarifa vixente para os grupos organizados de persoas que utilicen o tren para desprazarse a Santiago e visitar a sede da Cámara lexislativa galega.
Estes descontos do 40% sobre a tarifa base terán vixencia durante un ano, prorrogable, para os trens de media distancia convencional que operan en Galicia e aplicaranse catro días á semana, de luns a xoves.
Para beneficiarse deste desconto, os interesados deberán acreditar que teñen concertada unha visita ao Parlamento de Galicia –poden xestionarse por teléfono, correo electrónico ou a través da páxina web da institución:
www.parlamentodegalicia.es- e será de aplicación para grupos integrados por un mínimo de 10 persoas.
Portas abertas
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, enmarca este acordo con RENFE na política de portas abertas que está a impulsar na actual lexislatura, convencida de que a sede lexislativa é a casa de todos os galegos. Como tal, Rojo Noguera invita a todos os cidadáns a coñecer a sede da institución.
A sinatura deste convenio de colaboración xorde logo de constatar que o ferrocarril é un modo de transporte esencial na sociedade actual, ecolóxico e seguro, polo que os trens de media distancia de Renfe que operan en Galicia poden canalizar unha parte significativa dos desprazamentos das persoas que visiten a Cámara galega.
Ademais, dase a circunstancia de que a sede do Parlamento de Galicia se atopa a escasos metros da estación de ferrocarril de Santiago de Compostela.
Saúdos, Gabinete de Comunicación