• Pilar Rojo participou na presentación do volume sobre o As Sete Cantigas de Martín Códax e o Pergamiño Vindel, descuberto a comezos de 1914 e que permite coñecer a notación musical destes poemas
• O libro, coeditado por Real Academia, Parlamento e Xunta, inclúe a tradución das cantigas a oito linguas: castelán, catalán, éuscaro, galego, alemán, francés, inglés e italiano
Santiago, 5 de marzo de 2014.- A presidenta do lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera, participou esta tarde na presentación do volume titulado Martin Codax, Bañarmos emos nas ondas! As sete cantigas / O Pergamiño Vindel, editado conxuntamente pola Real Academia Galega, o Parlamento de Galicia e a Xunta.
Durante o acto, celebrado na sede da Real Academia Galega, na Coruña, Pilar Rojo sinalou que “para o Parlamento, lugar da palabra, foi unha verdadeira regalía poder contribuír a facer realidade este fermoso libro”, publicado coincidindo co primeiro centenario do descubrimento do Pergamiño Vindel. “Parabéns a todos os que tiveron a idea da conmemoración”, agregou.
Considera Rojo Noguera que o volume presentado hoxe “contribúe a poñer en valor, dentro e fóra das fronteiras de Galicia, o noso patrimonio cultural”, e adiantou que a Cámara galega estará sempre aberta a participar noutras iniciativas deste tipo impulsadas pola Real Academia Galega.
Vontade de colaboración
Puxo como exemplo a exposición “51 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, que comezou xa o seu percorrido por Galicia (estes días está aberta ao público en Ferrol); “facémolo tamén con este libro e seguirémolo facendo –afirmou dirixíndose ao presidente da Real Academia Galega- con calquera outro proxecto asumible que contribúa ao engrandecemento de Galicia”.
Recorda Pilar Rojo na introducción do libro que a comezos de 1914, o libreiro e anticuario Pedro Vindel daba a coñecer o descubrimento dun pergamiño que contiña as sete cantigas de amigo do xograr Martin Codax e que axiña sería bautizado como Pergamiño Vindel.
Achado excepcional
E como explica o profesor Henrique Monteagudo no seu estudo introdutorio a este volume, a pesar de que o texto destas sete cantigas era coñecido desde unhas poucas décadas antes, grazas á previa descuberta dos Cancioneiros galego-portugueses, o achado de Vindel tiña un valor excepcional, xa que ese pergamiño era practicamente coetáneo do autor das cantigas e, sobre todo, o texto dos poemas (excepto o sexto) viña acompañado da correspondente notación musical. Deste xeito, foi posible coñecer, por primeira vez, a música que acompañaba ás composicións trobadorescas galegas.
O libro, que recolle unha reprodución facsimilar do Pergameo Vindel e está ilustrado con iluminuras do Cancioneiro da Ajuda, conta tamén con cadanseu texto do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; así como cun traballo do doutor Guiseppe Tavanni, estudoso da lírica trobadoresca. Outra das novidades do volume é un capítulo coa tradución das cantigas a oito linguas: castelán, catalán, éuscaro, galego, alemán, francés, inglés e italiano.
Canda o libro, axúntase tamén un CD do grupo de música antiga Martín Códax con interpretacións das sete cantigas do Pergamiño Vindel.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia