saltar ao contido

Unha delegación filipina visita o Parlamento de Galicia para coñecer o funcionamento do sistema autonómico

Santiago, 22 de abril de 2014.- Unha delegación de congresistas e senadores filipinos visitou esta mañá o Parlamento de Galicia, no marco dunha viaxe a España coa que pretenden coñecer de preto o funcionamento do sistema autonómico de cara á creación, no seu país, da nova entidade autónoma de Bangsamoro.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, recibiu á delegación filipina no seu despacho da Cámara, onde lles explicou a historia e o funcionamento do lexislativo galego.
Durante a xornada, a delegación de lexisladores filipinos, mantivo unha reunión co letrado oficial maior do Parlamento de Galicia e efectuou unha visita guiada ás dependencias do Pazo do Hórreo, incluíndo a tribuna de público do Hemiciclo, desde a que seguiron o desenvolvemento do Pleno da Cámara que se iniciou esta mañá.
 
Durante esta visita a Galicia –que complementa a unha primeira efectuada a Madrid e a Navarra en outubro de 2012- a delegación filipina busca coñecer o funcionamento da Comunidade Autónoma, o seu nivel de descentralización e as súas institucións, entre elas o Parlamento, o Valedor do Pobo e a Policía Autonómica. 
 
En febreiro pasado, o Parlamento de Galicia recibiu unha delegación de deputados rexionais indonesios, que acudiron á Cámara galega interesados en coñecer experiencias de técnica lexislativa que puidesen servir de referencia para o seu país. 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina