saltar ao contido

Declaración institucional da presidenta do Parlamento de Galicia e presidenta da Conferencia de Asembleas Rexionais con poder lexislativo (CALRE) con motivo do Día de Europa

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2014

O proxecto europeo do que formamos parte iniciouse o 9 de maio do ano 1950, en París, coas palabras pronunciadas polo entón ministro de Asuntos Exteriores de Francia, Robert Schuman. Hoxe, 64 anos despois, a Unión Europea segue sendo un proxecto en marcha; logramos moito pero aínda queda tarefa por facer. Como dicía Robert Schuman, «Europa non se fará dunha vez nin nunha obra de conxunto: farase grazas a realizacións concretas, que creen en primeiro lugar unha solidariedade de feito...»
 
A solidariedade da que falaba Robert Schuman conformou un dos principios básicos do proceso de integración europeo. Non obstante, na actualidade a Unión Europea vive un período de crise, non só económica senón tamén de valores.
Ante esta situación, a Unión Europea debe dirixirse cara a un modelo de democracia representativa que permita unha maior implicación dos cidadáns no procedemento lexislativo. Para iso, as asembleas rexionais europeas con poder lexislativo, como representantes directos da voz dos cidadáns, debemos contribuír a incrementar a participación cidadá para dotar dunha maior lexitimidade democrática o proxecto de integración europea.
 
Un proxecto de integración de pobos e sociedades unidos na diversidade, un espazo de dereitos pero tamén de obrigas, un espazo rexido pola liberdade, a tolerancia e o benestar social.
 
Neste espazo chamado Unión Europea alcanzouse un espazo de paz e liberdade, de convivencia sobre valores comúns que repousan na protección dos dereitos dos cidadáns.
 
En concreto, dende a aprobación do Tratado de Lisboa no ano 2009, o novo concepto de cidadanía da Unión Europea confire novos dereitos aos cidadáns como son o dereito de acudir ao Valedor do Pobo europeo, o dereito de iniciativa lexislativa popular así como o dereito de votar e de presentarse como candidato ás eleccións municipais e europeas.
 
Como cidadáns comprometidos co noso futuro debemos ser conscientes de que as Eleccións ao Parlamento Europeo previstas para o próximo 25 de maio constitúen un momento determinante no proceso de integración europea que nos conduce cara a un proxecto democrático común.

Os parlamentos rexionais temos que desempeñar, pola nosa proximidade ao cidadán, un papel esencial como divulgadores de Europa e do que esta significa. Non debemos perder de vista as nosas orixes nin os valores sobre os que nos sustentamos. Europa ofrece múltiples opcións de participación aos seus cidadáns e estes deben ser conscientes diso.
 
O uso das novas tecnoloxías da comunicación ofrécenos unha grande oportunidade para conectar cos cidadáns no marco da e-democracia e da e-gobernanza.
 
Con esta finalidade sumámonos hoxe á sinatura da Carta para unha gobernanza a multinivel en Europa, promovida polo Comité das Rexións, en defensa dunha Europa democrática que atenda ás necesidades reais dos seus cidadáns. E todos, xuntos, celebraremos esta data sentíndonos, cada día máis, partícipes dun gran proxecto, Europa, que seguiremos construíndo decotío.
 
Pilar Rojo  Noguera

Presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina