• Serán inauguradas pola presidenta do Parlamento o próximo xoves, 22 de maio, e contarán coas asistencia de interventores dos parlamentos autonómicos e das Cortes Xerais
Santiago, 20 de maio de 2014.- O Parlamento de Galicia acollerá os vindeiros días 22 e 23 de maio a celebración das VII Xornadas da Asociación Española de Interventores de Parlamentos, que contarán coa participación de representantes das cámaras lexislativas autonómicas e das Cortes Xerais.
As Xornadas serán inauguradas o vindeiro xoves, 22 de maio, pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo. Ese mesmo día están previstas dúas conferencias. A primeira versará sobre “A autonomía financeira dos Parlamentos Autonómicos” e será pronunciada por Antonio López Díaz, catedrático de Dereito Financeiro da Universidade de Santiago de Compostela. A segunda analizará “A aplicación da Lei de Transparencia aos Parlamentos Autonómicos” e será impartida pola interventora das Cortes de Aragón, Dolores Llop Rivalta.
Ademais dos relatorios, a xornada permitirá o intercambio de experiencias entre os interventores das diferentes cámaras lexislativas autonómicas, do Congreso dos Deputados e do Senado. O director da Intervención Xeral e Asuntos Económicos do Parlamento de Galicia, José María Ameijenda, coordina esta actividade.