saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia

 
O Parlamento de Galicia manifesta a súa máxima repulsa e condena ante o secuestro, por parte do grupo integrista Boko Haram, de máis de 200 nenas nun colexio de Nixeria, así como ante a ameaza de seren vendidas, sometidas á escravitude, ou explotadas sexualmente.

Cada día que transcorre para elas é un día de terror, de sufrimento e de desesperación, vítimas da máis cruel violencia por cometeren o gran delito de estudar.
Esta acción brutal, cruel e salvaxe constitúe un verdadeiro crime contra a humanidade, un atentado á liberdade e unha das máis graves violacións dos dereitos humanos de mulleres e nenas que, sendo vítimas directas da violencia, sofren de xeito intolerable as consecuencias dunha total falta de respecto pola infancia e a dignidade que corresponde a todo ser humano.

O respecto aos dereitos humanos e, especialmente, aos das mulleres e nenas non pode, en ningún caso e baixo ningún motivo, ser obxecto de transacción. A súa salvagarda e as políticas de igualdade deben ser para toda a comunidade internacional o obxectivo fundamental.

O Parlamento de Galicia expresa o seu apoio e solidariedade cara ás menores nixerianas e ás súas familias, en representación de todos os galegos e galegas, e manifesta a súa decisión e exixencia de manter como prioridade na axenda de todos os gobernos e institucións a protección á infancia, o rexeitamento e erradicación da violencia contra as mulleres, así como traballar de xeito permanente e de forma conxunta polo respecto e pola dignidade das nenas e mulleres de calquera lugar do mundo.

Dende a convicción de que ningún home ou muller nin institución podemos permanecer á marxe dunha vulneración de dereitos tan execrable, o Parlamento de Galicia expresa a súa consternación e condena polo secuestro e exixe a súa inmediata liberación.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2014.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina