Foron convocados pola presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, e desenvolverán unha axenda institucional que inclúe reunións co presidente da Xunta e co alcalde de Santiago
• Aprobarán unha declaración institucional de respaldo ás celebracións e rutas xacobeas e participarán na Misa do Peregrino
Santiago, 19 de setembro de 2010.- Os presidentes dos parlamentos autonómicos de España celebrarán, mañá luns, unha reunión extraordinaria en Santiago de Compostela, convocados pola presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, co obxectivo de escenificar o apoio dos lexislativos autonómicos ao Xacobeo 2010 e reivindicar a vixencia e o legado do fenómeno xacobeo e das diferentes rutas de peregrinación.
A xornada de traballo comezará cunha reunión na sede do Parlamento de Galicia na que se aprobará unha Declaración Institucional de apoio ao Ano Santo Xacobeo de 2010.
Os presidentes dos parlamentos autonómicos tamén analizarán os traballos realizados ata o de agora co obxectivo de crear unha plataforma informativa interparlamentaria e prepararán os contidos a abordar na vindeira asemblea da CALRE (Conferencia de asembleas lexislativas rexionais de Europa).
Rematada esta sesión de traballo, os participantes nesta xuntanza dirixiranse á Catedral de Santiago para participar na Misa do Peregrino.
A axenda institucional dos presidentes dos parlamentos autonómicos completarase con cadanseu encontro co presidente da Xunta de Galicia e co alcalde de Santiago de Compostela.
Valores xacobeos
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, convocou esta reunión extraordinaria convencida de que tamén as cámaras lexislativas autonómicas “poden e teñen moito que dicir, non só para colaborar na difusión do Ano Santo Xacobeo, senón tamén como protagonistas na necesaria tarefa de continuar poñendo en valor os principios que inspiran a peregrinación a Compostela, como a salidariadade, o esforzo, ou o respecto entre os diferentes pobos, culturas e sensibilidades”, afirma.
A xuízo de Rojo Noguera, “o feito Xacobeo en xeral, e os Camiños de Santiago en particular, son tamén elementos de concordia, un valor universal que, e polo menos eu así o entendo, debe impregnar os traballos parlamentarios”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación