saltar ao contido

O Parlamento de Galicia exporá “51 páxinas das nosas letras” en Bruxelas despois do verán


 
• Pilar Rojo inaugurou a mostra itinerante do Parlamento sobre os escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas no Centro Cultural Casa de Pedra de Camariñas, onde poderá visitarse ata o 30 de xullo
 
• A colaboración entre o Parlamento, a Real Academia Galega e a Xunta para organizar esta exposición constitúe, a xuízo de Rojo Noguera, un exemplo de colaboración entre institucións
 
Camariñas, 22 de xullo de 2014.- O Centro Cultural Casa de Pedra de Camariñas acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de xullo a mostra “51 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia para render homenaxe aos autores homenaxeados durante o medio século de celebración do Día das Letras Galegas, instaurado no ano 1963.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, inaugurou a exposición nun acto celebrado este mediodía coa asistencia do alcalde de Camariñas, Manuel V. Alonso de León; a vicepresidenta segunda do Parlamento, María Soledad Soneira; o xefe de Coordinación Cultural da Xunta na Coruña, Manuel Varela Rey; e a deputada autonómica María Soledad Piñeiro, entre outras autoridades.
 
Vocación divulgativa
 
Na inauguración, a presidenta da Cámara galega, animou aos veciños de Camariñas, aos habitantes da Costa da Morte, e aos visitantes da comarca a achegarse a coñecer a mostra  aberta hoxe ao público para “afondar un pouco máis no coñecemento das letras galegas e dos nosos escritores e escritoras máis ilustres”.
 
Dada a vocación divulgativa da exposición, Rojo Noguera convidou de maneira especial ás familias para que acudan a ver a mostra “cos máis novos da casa, porque nos máis novos reside o futuro, tamén o da nosa lingua e das nosas letras”.
 
A mostra que hoxe abriu as portas en Camariñas foi inaugurada na sede do Parlamento de Galicia o pasado 2 de decembro e desde entón pasou xa pola Coruña, Ferrol, O Carballiño, Celanova, Ourense, Lugo, Madrid, Xinzo de Limia, Verín, O Barco de Valdeorras e Cervo. 
 
A Bruxelas, despois do verán
 
Pilar Rojo avanzou que, despois do verán, o Parlamento de Galicia trasladará esta mostra a Bruxelas co obxectivo de seguir promocionando o patrimonio literario de Galicia, neste caso na capital comunitaria.
 
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.
 
Complétase a mostra con paneis que dan conta das  biografías e as principais obras dos autores a través de textos elaborados por diferentes académicos da Real Academia Galega.
 
A exposición incorpora, ademais, un vídeo –elaborado pola Xunta de Galicia- sobre a historia da celebración do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Don Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración do Día das Letras Galegas, en 1963, o que lle confire un valor especial a este documental, segundo Pilar Rojo.
 
Colaboración exemplar
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento agradeceu a colaboración que o Parlamento atopou na Real Academia Galega e na Xunta de Galicia para poder materializar este proxecto expositivo, que considerou un exemplo de colaboración entre institucións.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia agradeceu tamén ao Concello de Camariñas e ao seu alcalde a colaboración brindada para levar a mostra a este municipio coruñés, e a María Soledad Soneira o seu interese e colaboración persoal. O acto contou coa actuación da Coral de Mulleres de Camariñas.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina