saltar ao contido

O Parlamento de Galicia continúa este curso co programa de charlas-coloquio para achegar aos estudantes o funcionamento da Cámara

 
• O curso pasado celebráronse 45 charlas nas que participaron máis de 7.000 alumnos
 
• A día de hoxe, medio cento de centros solicitaron xa a celebración de actividades divulgativas coa participación de exdeputados/as das diferentes forzas políticas
 
• A primeira charla-coloquio deste curso celebrarase o vindeiro luns, 20 de outubro, no IES Félix Muriel de Rianxo
 
Santiago, 18 de outubro de 2014.- Tras o éxito da pasada edición, o Parlamento de Galicia, coa colaboración da Asociación de Exdeputados/as da Cámara, comeza un novo ciclo de  charlas-coloquio en centros de ensino secundario para dar a coñecer a primeira institución da Comunidade entre o alumnado galego e divulgar os valores democráticos.
 
Estas charlas-coloquio, nas que participan exdeputados/as das diferentes forzas políticas, xurdiron na pasada lexislatura, ao conmemorarse o 30 aniversario da constitución co Parlamento de Galicia, co obxectivo de dar a coñecer a institución entre o estudantado galego. O éxito acadado pola iniciativa levou á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e á Asociación de Exdeputados/as a repetir a súa organización nos sucesivos cursos escolares.
 
A primeira das charlas programada para o curso 2014-2015 terá lugar o vindeiro luns, 20 de outubro, no IES Félix Muriel de Rianxo ás 10,30h.
 
A día de hoxe, a Cámara galega recibiu xa 50 solicitudes de  centros educativos na Comunidade Autónoma que amosaron interese en acoller, durante o curso actual, unha charla-coloquio sobre o funcionamento do Parlamento de Galicia. Os centros interesados en albergar unha actividade deste tipo poden solicitalo en calquera momento ao Parlamento, polo que é previsible que a cifra medre durante o curso.
 
Implicar á xuventude na participación no debate
político
 
Con estas charlas, dirixidas a estudantes de ESO e bacharelato, pretendese achegar á mocidade á política e que coñezan de primeira man o funcionamento de institucións como o Parlamento de Galicia. Xeralmente, a actividade comeza co visionado dun vídeo sobre a Cámara, que da paso a cadansúa intervención dos exdeputados/as participantes, seguida dun coloquio coa participación dos alumnos que asisten á actividade.
 
Máis de 7.000 alumnos no pasado curso
 
O incremento de alumnos participantes é maior cada ano. Así, no pasado curso escolar, o 2013-2014, o programa de charlas-coloquio chegou a un total de 45 centros de ensino e a máis de 7.000 alumnos de ESO e Bacharelato, o dobre que os 3.000 alumnos e 23 centros alcanzados no curso 2012-2013.
 
A celebración das charlas para estudantes enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia, que inclúe tamén un programa de visitas guiadas á institución, a edición dun libro sobre o Parlamento orientado especificamente ao estudantado galego, ou un concurso escolar, entre outras iniciativas.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina