4.2 30412 (09/PNP-002201)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel, e sete deputados/as máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego diante do Goberno central e da Unión Europea en relación con terceiros países que non cumpran os requisitos establecidos no Regulamento europeo sobre pesca ilegal non declarada e non regulamentada, ou pesca INDNR
Publicación da iniciativa, BOPG nº 380, do 26.11.2014
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central e á Unión Europea para que:
- Adopten todas as medidas que estimen necesarias, incluído acordar ou manter a suspensión das importacións dos produtos pesqueiros ou o bloqueo da negociación de novos acordos comerciais, en tanto en canto estes terceiros países non cumpran os requisitos sobre pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (pesca INDNR).
- Condicionen a sinatura de acordos comerciais con terceiros países ao cumprimento das normas en materia hixiénico-sanitaria, socio-laboral e ambiental e, en xeral, en todo canto é exixible aos produtores e ás empresas europeas que capturan, transforman e comercializan produtos do mar nos países da UE.
- Defendan os dereitos laborais, equiparables aos imperantes na UE, en todos os tramos da cadea produtora (extracción, transformación e comercialización).
- Suspendan as importacións de produtos pesqueiros de terceiros países que non cumpran os requisitos sobre pesca ilegal da UE ou as condicións sanitarias que para estes produtos impón a Unión Europea, e non concerten novos acordos comerciais con eses terceiros países en materia de importación de produtos pesqueiros.»
4.8 32076 (09/PNP-002333)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Baamonde Díaz, Agustín, e sete deputados/as máis
Sobre a realización polo Goberno galego das actuacións precisas para implantar de xeito progresivo un ensino plurilingüe nos centros educativos de bacharelato, formación profesional e outras ensinanzas postobrigatorias.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 404, do 22.01.2015
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, aproveitando o proceso de desenvolvemento normativo da LOMCE, afronte aquelas accións precisas para implantar de xeito progresivo un ensino plurilingüe nos centros educativos de Galicia que imparten bacharelato, FP e outras ensinanzas postobrigatorias.»
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.