· O Parlamento de Galicia acolleu a presentación do libro Defensorías del Pueblo en España: una visión prospectiva, do que é autor o valedor do pobo en funcións, José Julio Fernández.
Santiago, 27 de abril de 2015.- A piques de se celebrar o 25 aniversario da toma de posesión do seu primeiro titular, o Valedor do Pobo converteuse, en opinión de Pilar Rojo, nunha "institución amplamente consolidada e merecedora da consideración xeral".
Rojo Noguera facía estas consideracións este mediodía na presentación do libro Defensorías del Pueblo en España: una visión prospectiva, do que é autor o valedor do pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez.
A xuízo de Pilar Rojo, a consolidación do Valedor do Pobo garda relación co rigor dos seus informes anuais, pero tamén con outras actividades paralelas que suscitan unha ampla adhesión social. Sinalou como exemplo as monografías e informes extraordinarios, dos que citou dous exemplos recentes, os que analizan Os dereitos das persoas con discapacidade intelectual en Galicia, e o que leva por título Adolescentes e Internet en Galicia.
25 anos do Valedor do Pobo
A presidenta do Parlamento lembrou que o próximo 31 de maio se cumprirán 25 anos da toma de posesión do primeiro valedor do pobo, Xosé Cora, quen "co rigor e a capacidade de traballo que o caracterizaban, e que caracterizaron tamén aos que o sucederon, puxo os alicercres dunha institución que, durante este cuarto de século de vida, foi medrando en volume de asuntos abordados, prestixio e aceptación por parte dos cidadáns".
Ademais do autor, na presentación do libro interviron tamén o letrado maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento Méndez; e o catedrático de Dereito Constitucional da USC Roberto Blanco Valdés.
Pilar Rojo defendeu a utilidade do volume presentado hoxe, unha obra que, na súa opinión, "vainos axudar a comprender mellor a institución, vainos ilustrar con comparacións respecto a outras institucións semellantes, clarexa a función que o Valedor leva a cabo, e explica o procedemento que se segue para a tramitación das queixas que recibe".
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.