saltar ao contido

Pilar Rojo reivindica en Montevideo a universalidade da cultura galega, que ten na lingua e a literatura “un potentísimo vehículo de difusión”

 
• Presidiu a apertura da exposición “53 páxinas das  nosas letras” organizada polo Parlamento, a Xunta e a RAG, trasladada a Montevideo coincidindo co inicio da semana das letras galegas
 
• “A historia de Galicia, a da nosa cultura, das nosas letras; e a historia das nosas familias, non se entende sen a achega da emigración galega”, afirma a presidenta do Parlamento de Galicia

Montevideo, 11 de maio de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo reivindicou hoxe en Montevideo (Uruguai) a “universalidade” da cultura galega, “que ten na lingua e a literatura un potentísimo vehículo de difusión, ademais do seu principal sinal de identidade”.
 
Rojo Noguera facía estas reflexións no acto inaugural (mediodía en Uruguai, serán en Galicia) da exposición “53 páxinas das nosas letras” unha mostra itinerante e divulgativa organizada polo Parlamento, a Xunta e a Real Academia. A mostra chega a Montevideo coincidindo co inicio da semana das letras galegas, logo de ser amosada en Buenos Aires no marco do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). En Montevideo quedou aberta ao público no Teatro Solís, onde permanecerá ata o vindeiro 23 de maio.
 
Pilar Rojo enfatizou a especial significación deste acto, dados os intensos lazos que unen a Galicia e a República Oriental do Uruguai. “Poucos ou ningún galego carecemos de lazos familiares con Iberoamérica, con países como Uruguai, que “acolleu cos brazos abertos a tantos e tantos milleiros de compatriotas nosos”, afirmou Pilar Rojo.
 
A achega da emigración
 
“Montevideo –agregou- forma parte da Galicia universal e da historia de Galicia, a da nosa cultura, das nosas letras; e a historia das nosas familias, non se entende sen a achega da emigración galega que ten nesta cidade unha capital de referencia”.
 
A presidenta do Parlamento lembrou que “durante anos, a capital cultural de Galicia estivo fóra de Galicia, porque fóra estaban boa parte dos nosos intelectuais” e subliñou o papel protagonista desempeñado polas entidades galegas do exterior.
 
No caso do Uruguai, Pilar Rojo recordou que o Centro Galego de Montevideo, fundado en agosto de 1879, é a entidade deste tipo, en activo, máis antiga do mundo.
 
A mostra “53 páxinas das nosas letras” foi concibida para render homenaxe e divulgar a figura e obra dos escritores e escritoras aos que se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas. Está integrada polas denominadas Medallas das Letras -obra do debuxante e caricaturista Siro López e o escultor e medallista Manuel Ferreiro Badía-, pertencentes á colección de arte do Parlamento. Reproducen a faciana, en altorrelevo, dos autores ou autoras aos que de dedicou o Día das Letras Galegas desde a súa primeira edición, a de 1963.
 
Ademais de contemplar as obras, os visitantes da mostra poderán afondar no coñecemento dos autores homenaxeados a través dun catálogo prologado polo presidente da Real Academia Galega, e integrado por breves perfís de cada un dos escritores ou escritoras  homenaxeados durante este algo máis de medio século.
 
Agradecementos
 
A presidenta do Parlamento agradeceu a colaboración prestada polas diferentes institucións e entidades que fixeron posible o traslado da mostra a Montevideo: a Embaixada de España na República Oriental do Uruguai, a Delegación da Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral de Emigración, cuio titular, Antonio Rodríguez Miranda, tamén asistiu ao acto inaugural.
 
Na inauguración tamén interviu a directora do Teatro Solís, e mailo embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela.
Con anterioridade a este acto, a presidenta do Parlamento visitou, canda  o secretario xeral de Emigración e o embaixador de España, a Casa de Galicia en Montevideo.
Esta tarde desprazarase ata a sede da Asociación Española Primera de Socorros Mutuos. Pilar Rojo pechará a xornada celebrando un encontro con representantes das institucións galegas de Montevideo nunha recepcion organizada pola Embaixada de España. .
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina