· Icía quere cambiar o mundo é o título da obra, que conta con ilustracións de Carmen Pernas e que foi presentada esta mañá no Parlamento.
· Pilar Rojo afirma que coa lectura deste libro "se aprende vida parlamentaria, educación cívica, educación ambiental, defensa do medio ambiente".
Santiago, 19 de xuño de 2015.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a presentación do libro Icía quere cambiar o mundo, obra da académica e escritora Fina Casalderrey, editado pola Cámara galega para achegar a institución aos nenos e mozos galegos.
A obra, que conta con ilustracións de Carmen Pernas é, en palabras da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, "máis que un conto. É unha novela a través da que se aprende vida parlamentaria, educación cívica, educación ambiental, defensa do medio ambiente".
Ademais da autora, Fina Casalderrey, na presentación do libro, celebrada no Salón dos Reis dos Parlamento de Galicia, interviron tamén a ilustradora, Carmen Pernas; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o catedrático de bacharelato Xavier Senín. Alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, participaron no acto representando unha parte da obra.
Que os máis novos coñezan o que fai o Parlamento
Pilar Rojo explicou que con este libro de Fina Casalderrey o Parlamento de Galicia pretende "que os máis novos coñezan o que aquí se fai, que o valoren", e mesmo que se animen a participar no programa de visitas guiadas da institución.
A presidenta da Cámara agradeceu e felicitou á autora por esta obra. Pilar Rojo amosouse convencida de que "será capaz de entusiasmar, como fai habitualmente, a cativos e maiores" coa súa literatura.
Achegamento á infancia e á xuventude
A publicación deste novo libro enmárcase na aposta do Parlamento de Galicia por darse a coñecer e divulgar a democracia parlamentaria entre a infancia e a xuventude.
Con ese obxectivo, a Cámara galega acolle periodicamente plenos infantís e xuvenís, dispón dun programa de visitas guiadas ao Pazo do Hórreo, e organiza desde hai cinco anos un concurso escolar e un ciclo de charlas divulgativas para o alumnado de secundaria e bacharelato en institutos de toda Galicia coa colaboración da Asociación de Exparlamentarios/as. No curso que remata, este ciclo de charlas chegou a un total de 50 centros, o dobre que dous anos atrás. Na pasada lexislatura, o Parlamento de Galicia editou xa outro volume divulgativo para estudantes, escrito polo catedrático de Dereito Constitucional da USC, Roberto Blanco Valdés.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.