saltar ao contido

Pilar Rojo valora que "Galicia foi quen de manter e reforzar institucións como o Consello de Contas"

· Ana María Otero López, José Antonio Redondo López e María Begoña Villaverde Gómez tomaron posesión esta mañá como conselleiras e conselleiro do Consello de Contas de Galicia nun acto celebrado no Parlamento.
 
Santiago, 11 de setembro de 2015.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a toma de posesión de Ana María Otero López, José Antonio Redondo López e Mª Begoña Villaverde Gómez como conselleiras e conselleiro do Consello de Contas. Neste acto, a presidenta do Parlamento afirmou que "afortunadamente, e a pesar das  dificultades, Galicia foi quen de manter e incluso reforzar institucións como o Consello de Contas ou o Valedor do Pobo".
 
A xuízo de Rojo Noguera, esta "actitude responsable" permite  preservar "institucións básicas" para o autogoberno da Comunidade, pero tamén, "manter e reforzar un modelo de fiscalización externa forte e independente, como acredita a recente reforma legal que ven de ser aprobada no Parlamento e que fortalece a autonomía e independencia do Consello de Contas de Galicia".
 
Profesionais independentes e de prestixio
 
Nun acto celebrado no Salón dos Reis do Parlamento e que contou coa asistencia de numerosas autoridades, encabezadas polo presidente da Xunta, a titular da Cámara galega apuntou que o acordo parlamentario para a provisión das prazas vacantes no Consello de Contas permite a esta institución estar de novo plenamente operativa como órgano externo de fiscalización, integrado por "profesionais de prestixio, independentes e blindados fronte a calquera hipotética presión".
 
A presidenta do Parlamento subliñou a incorporación de dúas mulleres como conselleiras do Consello de Contas, "un  feito destacado que, ademais, coincide no tempo coa elección da primeira valedora do pobo", "pasos importantes no afianzamento da igualdade de xénero, un camiño sen retorno no que Galicia avanza hoxe un novo treito".
 
Traxectorias
 
Ana María Otero López é licenciada en Dereito e en Económicas e Empresariais pola Universidade Pontificia de Comillas. Membro do Corpo Superior de Inspectores de Facenda do Estado, na actualidade é conselleira do Consello Consultivo de Galicia.
 
José Antonio Redondo López é doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago; catedrático numerario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago; académico numerario e membro da Xunta de Goberno da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras de España; e foi director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo entre 1995 e 2005.
 
María Begoña Villaverde Gómez é Profesora Contratada Doutora de Dereito Financeiro e Tributario da Facultade de Dereito da USC desde 1998. Villaverde é tamén profesora adxunta na UNIR, onde imparte o Master Oficial de Fiscalidade Internacional. Doutora en Dereito pola USC e especialista en Dereito Tributario, foi acreditada como profesora titular da Universidade pola Aneca. Colabora en cursos e posgraos a nivel nacional e internacional e é autora de varias monografías en temas de fiscalidade e materia tributaria.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina